Cruceiros Paraíso 2017-2019

Cruceiros Paraíso é un capítulo expandido do programa de Residencias Paraíso que nos sirve para tecer pontes con outros contextos e seguir brindando apoio ao tecido artístico galego ao longo do ano, máis alá da convocatoria anual. Atopa na mobilidade, o contaxio con outros territorios e a contaminación entre artistas, a súa razón de ser.

Así, Cris Vilariño puido coñecer o programa pedagóxico de Graner de Barcelona en 2017 ou Laura Villanueva acompañou o proceso de Pablo Esbert e Federico Vladimir Strate no mesmo espazo ao ano seguinte. En 2019 o cruceiro ficou en Galicia, en colaboración co espazo de creación Presente Continuo, para que Masa Madre puidese ter unha residencia nun contexto rural na que afondar no seu primeiro traballo de creación.

Cruceiros Paraíso 2020

Residencias Paraíso cumpre catro anos en 2020 e celebra unha existencia que vén acompañada dende 2019 pola figura das socias-amigas. Unha comunidade que respalda e fortalece o proxecto de Colectivo RPM; un espazo de encontro (en saborosa definición) da comunidade vinculada ás artes vivas e a creación contemporánea en Galicia. Este corpo colectivo que construímos xuntas –amorfo, plural e capaz– apunta maneiras, aquelas que beben da vontade colaborativa e da intuición de que a maxia comeza cun roce.

A pregunta é simple: ¿pode Cruceiros Paraíso –o espazo que ocupa, os recursos que xestiona– axudar a este corpo colectivo? 

Método 1.0 (2020)

As socias-amigas enviades un PDF de 1-2 páxinas coa vosa idea1 (que imaxinades e que precisades de nós) antes do 31 de agosto.

Colectivo RPM valora ata onde pode chegar, fai unha escolla e contrasta a nosa proposta de apoio con vós.

CRUCEIROS

PARAÍSO 

SOCIAS-AMIGAS

Imaxinemos xuntas

Imaxinemos unha parella de artistas en residencia en Bruselas que abren o seu proceso para acoller a unha artista convidada, que se empape tanto da investigación como do contexto belga, e a Colectivo RPM mercando un voo.

Imaxinemos a unha artista convidada a unha estancia en Barcelona na que coñecer de cerca un proxecto análogo ao propio e precisa un apoio económico para a súa viaxe.

Imaxinemos unha artista que xestiona un espazo de creación en Galicia, a outra artista con necesidade imperiosa de mover corpo e pensamento e a Colectivo RPM facendo match​.

Imaxinemos a unha curadora que precisa trasladarse a un festival porque está interesada en coñecer o traballo en vivo dunha artista, tomarse un café con ela, poñerse cara, e a Colectivo RPM reservando un hotel e pagando unhas dietas.

Imaxinemos a dúas artistas que coquetean na distancia dende fai tempo e que teñen vontade de encontro carnal nalgún espazo que permita palparse con tempo.

Imaxinemos a unha artista que coñece un espazo de residencia de primeira man ao que falarlle de Residencias Paraíso e co que podemos ter un primeiro tonteo dentro de Cruceiro Paraíso.

Imaxinemos a unha artista multidisciplinar na súa casa coa maleta preparada para achegarse a un proceso de creación e aprender en doble dirección.

Imaxinemos.

  • Blanco Icono de Instagram