Capítulo expandido de Residencias Paraíso
Cruceiros Paraíso é un capítulo expandido do programa de Residencias Paraíso que nos sirve para tecer pontes con outros contextos e seguir brindando apoio ao tecido artístico galego ao longo do ano, máis alá da convocatoria anual. Atopa na mobilidade, o contaxio con outros territorios e a contaminación entre artistas, a súa razón de ser.
Así, distintos/as artistas puideron coñecer outros territorios e empaparse doutras realidades nos últimos anos a través desta liña de apoio que dende 2020 se articula a través da figura das socias-amigas de Colectivo RPM; un corpo colectivo –en saborosa definición– de persoas vinculadas ás artes vivas e a creación contemporánea en Galicia.
Do mesmo xeito que o ano pasado, a pregunta é simple: ¿pode Cruceiros Paraíso –o espazo que ocupa, os recursos que xestiona– axudar a este corpo colectivo?
Espazos colaboradores 2017 - 2021
-
Graner en Barcelona
-
Tenerife LAV en Tenerife
-
Dantzagunea en Donostia
-
Azala en Lasierra (Álava)
-
Café de las Artes en Santander
-
Presente Continuo en Lugo
-
A Casa Vella en Allariz
Método 2.0 (2021)
Este ano planteamos un proceso similar ao do ano anterior coa diferenza de que faremos un encontro presencial específico o día 1 de xullo de 2021 no Auditorio de Galicia.
Antes desta data, precisaríamos que as socias-amigas enviedes un PDF de 1-2 páxinas coa vosa idea (que imaxinades e que precisades de nós).
No encontro de Colectivo RPM poderemos falar xuntas deste capítulo e por algunhas opcións enriba da mesa.
Ao longo do mes de xullo Colectivo RPM valoraría polo miúdo ata onde pode chegar, fai unha escolla e contrastaría a proposta de apoio con todas vós.
CRUCEIROS
PARAÍSO
SOCIAS-AMIGAS
Imaxinemos xuntas
Imaxinemos unha parella de artistas en residencia en Bruselas que abren o seu proceso para acoller a unha artista convidada, que se empape tanto da investigación como do contexto belga, e a Colectivo RPM mercando un voo.
Imaxinemos a unha artista convidada a unha estancia en Barcelona na que coñecer de cerca un proxecto análogo ao propio e precisa un apoio económico para a súa viaxe.
Imaxinemos unha artista que xestiona un espazo de creación en Galicia, a outra artista con necesidade imperiosa de mover corpo e pensamento e a Colectivo RPM facendo match.
Imaxinemos a unha curadora que precisa trasladarse a un festival porque está interesada en coñecer o traballo en vivo dunha artista, tomarse un café con ela, poñerse cara, e a Colectivo RPM reservando un hotel e pagando unhas dietas.
Imaxinemos a dúas artistas que coquetean na distancia dende fai tempo e que teñen vontade de encontro carnal nalgún espazo que permita palparse con tempo.
Imaxinemos a unha artista que coñece un espazo de residencia de primeira man ao que falarlle de Residencias Paraíso e co que podemos ter un primeiro tonteo dentro de Cruceiro Paraíso.
Imaxinemos a unha artista multidisciplinar na súa casa coa maleta preparada para achegarse a un proceso de creación e aprender en doble dirección.
Imaxinemos.