Movimientos; operando con Gertrude Stein
No ano 2023 facemos realidade o desexo de ampliar o Encontro Paraíso 2023 co desenvolvemento de varias residencias de investigación na propia illa nas semanas anteriores á convivencia. Norberto Llopis é un dos artistas que habitarán a illa, en colaboración con Graner, con quenes construímos dende fai tempo unha relación contínua de colaboración entre Galicia e Cataluña.
Norberto Llopis
Artista que traballa na fronteira entre a coreografía, a performance e o pensamento. Nado en Valencia en 1977, gradúase na Escola Superior de Danza e Coreografía no Institut del Teatre de Barcelona. No ano 2007 recibe un Máster en Artes Escénicas pola AHK Amsterdamse Hogeschool voor de Kunsten, no programa DasArts. No 2016 obtén un grao en Filosofía pola UNED e en 2018 gradúase no Máster en Estudos Avanzados en Filosofía pola Universidade Complutense de Madrid, cun proxecto final de investigación sobre o concepto de Mimese en Derrida. A súa práctica artística abrangue dende o traballo co corpo e sobre o corpo, ata o uso de obxectos e materiais para a construción e reflexión sobre o espazo. No seu enfoque cara a filosofía, procura desenvolver unha práctica de pensamento non teorizante sobre o espazo e os signos que o institúen. Desenvolveu o seu traballo artístico en forma de pezas escénicas, performances, instalacións, conferencias e textos, entre España, Bruxelas e os Países Baixos. Como intérprete, participou en diversos procesos creativos con artistas como Carolien Hermans, Paz Rojo, Diego Gil, Jefta Van Dinther, Nada Gambier, Rafael Tormo e Cuenca e Vicente Arlandis, entre outros.