Ailén Kendelman & Areta Bolado

imaxe da artista Ailen Kendelman
imaxe da artista Areta Bolado

Barba inguinal

Barba Inguinal é un proxecto de reggaetón feminista interseccional que nace como filla bastarda do reggaetón machista comercial. Esta proposta de música e movemento xurde dunha necesidade persoal e artística de dar unha resposta á violencia patriarcal do noso contexto dende unha óptica de feminismo radical . Barba Inguinal é corpo, música e activismo. 

Barba Inguinal ten a vontade de procurar camiños inestables no cuestionamento e autocuestionamento permanente, a certeza de que traballando no compromiso e nas marxes é onde atopamos realmente un discurso contemporáneo. 

Coa confianza de que pode haber un movemento antisistema disfrutón e que tamén, como dixo Emma Goldman, se pode facer a revolución bailando. Soñamos que o feminismo pode baixársenos da cabeza ata a cadeira e transformarse nunha mostra de control sobre o noso corpo sen necesidade de facelo para consumo de nieguen (ou si, pero de quen nós queiramos!).

Ailén Kendelman & Areta Bolado

Ailén Kendelman

Ten experiencia e formación en percusión clásica, corporal e folclore galego, andaluz e latinoamericano. Funda o Trío Canyengue (2009), o conxunto Áureas (Premio Martín Códax 2017) e o proxecto Barba Inguinal (2018).

En 2013 funda, xunto a Areta Bolado e Noelia Castro a compañía de teatro A Panadaría, galardonada en múltiples ocasións e con ampla traxectoria tanto no territorio galego como no estatal.

Traballa como percusionista e baterista nos proxectos Boogie Backs e MJ Pérez. Como compositora para teatro, crea a música de Neorretranca e Posmorriño do Centro Dramático Galego e de todos os espectáculos de A Panadaría.

Como actriz, traballa para Aporía Escénica, Maja Bajevic ou para o Centro Dramático Galego. Actúa tamén nas películas Migas de Pan e 9 Fugas. Con Elisa e Marcela recibe o premio FETEGA a Mellor Actriz ex aequo e Premio María Casares a Mellor Texto Orixinal.

 

Areta Bolado

Licenciada en Interpretación Textual, Especialista en Dobraxe e Diplomada en Maxisterio.

En 2013 funda, xunto a Ailén Kendelman e Noelia Castro a compañía de teatro A Panadaría, galardoada en múltiples ocasións e con ampla traxectoria tanto no territorio galego como no estatal.

Con PAN!PAN! gaña o Premio María Casares 2015 a Mellor Actriz Secundaria e con Elisa e Marcela recibe o Premio FETEGA a Mellor Actriz ex aequo, Premio María Casares 2018 a Mellor Actriz Protagonista e María Casares a Mellor Texto Orixinal.

Ten experiencia como actriz en locucións, televisión, cinema e teatro. Traballa coas compañías de teatro Nasdrovia Teatro, Lagartijas Tiradas ao Sol, Anómico Teatro, Aporía Escénica, Voadora ou Centro Dramático Galego. En audiovisual, participa en 9 Fugas de Fon Cortizo e Escoba! de Ficción Producións.

Funda o proxecto de reggaeton feminista Barba Inguinal con Ailén Kendelman. É a directora de escena do conxunto Áureas, Premio Martín Códax 2017.