Borja Fernández

Retrato Borja Fernández
Retrato Borja Fernández 2

A simulación, unha estratexia neobarroca para unha sátira documental

Dentro dos Cruceiros Paraíso 2023, o artista Borja Fernández viaxará até Madrid para imaxinar como podería levar a escena a súa tese co acompañamento da fiscal Pilar Fernández. Ademais, aproveitará esta oportunidade para acudir á formación de Lucas Condró e Poliana Lima en Espacio Tiempo.

“Convidado polo colectivo RPM e o seu programa Cruceiros Paraíso, manterei unha serie de conversas coa fiscal e practicante de danza Pilar Fernández sobre a liberdade de expresión nas artes vivas. Os encontros con Pilar, residente en Madrid, terán lugar en diferentes localizacións: o salón da súa casa, no seu lugar de traballo, nos traslados pola cidade durante o seu período laboral e no centro de danza Espacio-tiempo, onde asistirei con ela ás súas clases regulares con Lucas Condro e Poliana Lima. O obxectivo xeral deste acompañamento no seu día a día é o de atopar ferramentas teórico-prácticas para unha futura conferencia performática. Para iso, partiremos da aplicación das leis do actual Código Penal español (referentes á liberdade de expresión nas artes) á defensa pública da miña tese en dramaturxia, que tivo lugar o pasado 17 de outubro de 2023 na sede French da Universidade Nacional das Artes de Bós Aires, titulada: A simulación, unha estratexia neobarroca para unha sátira documental. “

Este Cruceiro Paraíso é posible grazas ao apoio da Deputación da Coruña.

Borja Fernández

Licenciado en Historia da arte pola USC (Universidade de Santiago de Compostela. Galicia, España), ven de presentar a súa tese en dramaturxia na UNA (Universidade Nacional das Artes, Buenos Aires).
Colabora desde o 2003 co Grupo Chévere (premio nacional de teatro 2014 -España-).
O seu proxecto SALVADOR foi seleccionado por Iberescena 2017 para as súas bolsas de creación dramatúrgica no estranxeiro (Brasil).

Traballou para o Centro de Dramático Galego como actor, músico e bailarín en 2005, 2008, 2013 e 2018 baixo a dirección de Ana Vallés, Quico Cadaval, Fefa Noia e Xesús Ron, respectivamente.
É  membro do grupo de teatro documental A Berberecheira desde 2016, dirixido por Grupo Chévere, e do grupo musical Metamovida desde 2012. É vocalista, letrista e compositor do grupo de rock É unha Árbore desde 2005.
Cos seus proxectos escénicos ou en colaboración con outros colectivos e compañías, virou por Galicia, España, Portugal, República Checa, Mozambique e Brasil a través de festivais internacionais, intercambios artísticos e proxectos socioculturais como Escena contamporánea (Madrid), Festlip (Rio de Janeiro), Festival DÁgosto (Mozambique), Festival Escenas do Cambio (Santiago de Compostela), entre outros.
Nomeado varias veces para os Premios de Teatro María Casares (premios de teatro de Galicia) como Mellor Actor por "A Tempestade" (Cía. Voadora) e Mellor Música Orixinal por "Kamikaze"  (Cía. Pistacatro).