Meu Rei
Meu Rei é unha peza de danza contemporánea que afonda nas feridas herdadas da masculinidade. A través dun corpo que oscila entre a contención e a explosión, traza un percorrido íntimo cara ás raíces da identidade, do xénero, e a relación que temos co ego.
Con un vocabulario físico que entrelaza a crudeza do butoh e a expresividade do voguing, Meu Rei transita o conflito entre o que nos ensinaron a ser e o que, en liberdade, podemos reconstruír. Escuridade, fraxilidade e desexo encárnanse en escena para abrir un espazo de catarsis e transformación.
Máis que unha coreografía, é unha cerimonia corporal onde a danza se volve memoria, ruptura e renacemento.
Daniel Lezso
Bailarín, actor e performer por vocación, por amor á arte, como manifesto corpóreo dunha revolución silenciosa. Desenvolvo o meu traballo dende a práctica corporal e a creación escénica como espazos de reflexión e cuestionamento das normas impregnadas de testosterona: a masculinidade hexemónica.
Formado en danza contemporánea, arte dramática e ioga, transito entre estes campos coa vontade de romper marcos únicos de lectura e producir outras narrativas posibles. A miña traxectoria formativa inclúe centros como Varium Espai de Moviment (Barcelona) e o Espazo de Danza da USC, así como mestres como Lali Ayguadé, Hannes Langolf ou a compañía La Macana, entre outrxs.
Desenvolvín creacións propias presentadas en festivais como HerDanza, FITEUC ou Teatro do Porvir, e participei como intérprete en videoclips e montaxes escénicas tanto en Galicia como no estranxeiro.
Na actualidade, continuo afondando na construción dunha danza que cuestione os roles de xénero dende unha ollada íntima e ancestral, procurando abrir espazos de vulnerabilidade e resistencia dende o corpo.