Artista Malvista
Coa vontade de practicar o contármonos, en RPM queremos abrir un espazo de pensamento colectivo a través dunha serie de sesións de análise crítica sobre proxectos artísticos. Sentimos que existen poucos lugares –dende e para a comunidade artística– nos que xuntarnos para abordar como contamos o que somos, o que facemos e como somos percibidas.
Estas sesións buscan xerar ferramentas para pensar como se constrúe o relato dun proxecto: que mostra, que oculta, como se comunica e que percepcións produce. Interésanos atender ás dimensións individual e colectiva dos procesos críticos, abrindo preguntas arredor da coherencia, a linguaxe, a singularidade, a percepción e as tácticas e estratexias nas que un proxecto se fai lexible, abrindo ao mesmo tempo a posibilidade de imaxinar outros relatos, desbordamentos e matices posibles.
Cada sesión partirá da presentación dun dossier artístico propio como caso de estudo e desenvolverase a través de distintas dinámicas de análise individual e colectiva, e espazos de posta en común.
Estas sesións están dirixidas á comunidade artística na súa amplitude disciplinar, tanto para artistas noveis como artistas de mediana carreira.
Sesión 1 – xoves 4 de xuño de 19 a 21 horas
Sesión 2 – xoves 9 de xullo de 19 a 21 horas
Lima Limón Menta
Lima limón menta nace da vontade de xerar un espazo fresco, accesible e sen formalidades para o encontro entre artistas e cidadanía sensible.
Nun contexto no que moitas veces os intercambios entre creación e sociedade acontecen a través de presentacións, eventos ou mediacións específicas, interésanos habilitar un lugar onde simplemente coincidir, conversar e coñecernos. Un espazo onde as prácticas artísticas poidan entrar en contacto con outras experiencias, intereses, saberes e formas de mirar, e onde a vontade atoparse sexa o punto de partida común.
Interésanos recuperar a idea deses lugares aos que non se vai por unha función concreta, senón pola posibilidade de atopar a outras persoas. Como unha praza ou un bar de confianza, Lima limón menta quere ser un lugar intermedio entre o privado e o institucional, onde as conversas suceden sen programa e as comunidades se tecen de maneira informal.
Pensamos estes encontros como unha oportunidade para fortalecer vínculos, reducir distancias e propiciar relacións máis próximas entre quen crea e quen se sente interpelada pola cultura, a arte e o pensamento contemporáneo. Un lugar para compartir inquedanzas, intuicións, preguntas ou historias que habitualmente quedan fóra dos espazos de exhibición, produción ou consumo cultural.
Lima limón menta quere reivindicar o valor das conversacións informais, dos encontros sen expectativa produtiva e do tempo compartido como formas de construír comunidade.
Unha mesa, un mediodía, limas, limóns e menta.
Sesión 1 – sábado 20 de xuño de 12 a 14 horas
Sesión 2 – sábado 12 de setembro de 12 a 14 horas
Equipo RPM
Ademais do traballo curatorial e de xestión das distintas liñas de acción de RPM, desde o equipo RPM deseñamos, coordinamos e acompañamos distintas experiencias artísticas ao longo do ano, tanto en ESPAZO RPM como convidadas por outras iniciativas.