Fran Martínez

Imaxe Fran Martínez
© Romina Doce / Bienal Artes Vivas Pontevedra

Transfixión

Transfixión é unha peza sobre o facer. Un exercicio de misticismo de baixa intensidade. Un ir e vir: o dentro, todo escuridade, e o fóra que, de tan visible, indescifrable. "Entremos más adentro en la espesura".

Pentecostés

“Ao chegar o día de Pentecostés, estaban todos reunidos nun mesmo lugar. De súpeto veu do ceo un estrondo como un refacho impetuosa, que encheu toda a casa na que se atopaban. Aparecéronselles unhas linguas como de lume que se repartiron e pousáronse sobre cada un deles; quedaron todos cheos do Espírito Santo e puxéronse a falar noutras linguas, segundo o Espírito concedíalles expresarse.”
Feitos dos Apóstolos, 2, 1-5
O que acontece en Pentecostés parece maxia. Pero non o é. Non é un milagre. Non é unha revelación. Non é nada importante que pasará á Historia. En realidade non é nada sumamente relevante. É fráxil. E é forte. É un fío de luz a través dun muro de pedra.
Pentecostés é querer ver. É un acto de fe.
Esta é a acción sinxela que Diego fai obsesivamente desde hai uns anos para reafirmar o seu apoio plantar e recolocar o seu centro.
Esta é a rutina que Fran repite día tras día. Pregúntase que é o que procura insistindo nestes movementos unha e outra vez.
Belén está empeñada en mostrar ao mundo unha imaxe de forza. Dúbida de se realmente é forte ou pensa que o é.
Accións. Prácticas. Rituais. Movementos que repetimos unha e outra vez, día tras día. Case sen cansarnos, case sen darnos conta. Unha liturxia pagá na procura dun instante.

Cruceiro Graner

En outubro de 2021, Fran Martínez e Diego M. Buceta, gozan dunha semana de residencia en Graner, Barcelona. Este espazo-tempo permítelles continuar traballando nas súas propias propostas neste espazo privilexiado que é Graner. 

Ademais de espazo de creación, ambos artistas participan no encontro de clausura de FF90, un laboratorio de encontro de artistas dunha mesma xeración (os 90). 

Unha oportunidade para coñecer o contexto da danza e as artes vivas en Barcelona e xerar novas sinerxias e encontros con artistas e xestores/as de diferentes estruturas da cidade. 

Fran Martínez

Bailarín e coreógrafo galego. Formeime en interpretación e danza en diferentes escolas de España, Portugal e Bélxica. Recibín a bolsa DanceWeb – ImpulsTanz Festival Vienna 2019.

Teño traballado con Teatro Ensalle, Tino Sehgal, Dora García, Amélia Bentes, Berio Molina, Meytal Blanaru, Jesús Rubio, Voadora – Marta Pazos, Pisando Ovos – Rut Balbís, Natalia Fernandes, Lucía Estévez, Paula Quintas, Colectivo Glovo, RosanayAris, Alba González e Sanna Kekäläinen, entre outrxs. Son cofundador da compañía de artes do movemento Pálido Domingo xunto a Diego M. Buceta e Belén Bouzas.

Manteño un idilio artístico con Elena Carvajal. Xuntxs creamos Somaficción (2022) e Realmente ahora no ya no (2024), e acompañámonos de xeito estable e permanente noutros proxectos, encontros e contextos.

a temperatura o temperamento, a miña primeira creación, foi estreada en 2015 no Teatro Ensalle de Vigo e recibiu o premio do xurado no festival GraciasXFavor – Santander 2017. En 2022, tamén no Teatro Ensalle de Vigo, estreei este proxecto no que sigo afondando: TRANSFIXIÓN.