Janet Novás

Janet Novás

Where is Janet?

Un corpo exhausto, saturado polos procesos de creación contemporánea, polos mecanismos da industria cultural famenta e exixente. Un corpo crispado, colapsado polas costuras artísticas dun tempo que non atende de pausas, que só sabe vivir en compases frenéticos e ruidosos. Un corpo multitarea, un corpo abrumado, un corpo exposto ós rig ores da práctica escénica. Dende esta anatomía agotada e ferida traza as suas coordenadas Jantes Novas en Where is Janet?

Fronte a esta corporalidade arrasada, Novas explora as vías sensibles dunha convivencia cunha mesma máis benévola, máis acougada, máis amable. Un reencontro coa propia identidade no que a lixeireza o empape todo. Fronte á demanda tecnolóxica de atención constante e as necesidades escénicas que arrastran á autoexplotación e a sobreexposición, a creadora reivindica a lóxica de gócelos sinxelos (un asubío, un tarareo suave), do silencio como ecosistema, da intimidade liviá que cura. Coprodución do Festival Plataforma, A Caldera, O Graner e A Poderosa, Where is Janet preséntase así como unha expedición aos recunchos da nosa presenza máis física e tanxible, pero tamén das emocións que arraigan nese corpo e desbórdanse. Un exercicio de introspección que esboza o desexo doutras fórmulas máis sinxelas de existir, doutras maneiras de ser que non conduzan á asfixia.

Janet Novás

Bailarina e creadora galega. Reside en Madrid desde o ano 2001.

Formouse en danza contemporánea entre Madrid, Bruxelas e Berlín.

No ano 2008 comeza a crear e a desenvolver os seus propios proxectos dando lugar á experimentación e á auto-investigación. A súa obra constrúese desde a observación, a experiencia e o diálogo co seu corpo como principal ferramenta, apostando por unha linguaxe propia, moldeando o contido emocional e a sinxeleza estética que caracterizan os seus traballos.

Desde os seus inicios como creadora Janet Novás contou coa colaboración do músico e compositor Haru Mori e o coreógrafo e performer Ricardo Santana.

As súas creacións presentáronse en prestixiosos festivais nacionais e internacionais como Rencontres Chorégraphiques, Festival de Marseille, Festival Nouvelles- Pole Sud, Cement Festival, Dança en Transito, MOV_S, TNT Dansa, Festival de Outono a Primavera, Escenas do Cambio e o Festival Bad, entre outros.