Soundtrack

Imaxino un escenario. Imaxino unha persoa nese escenario. En silencio. Imaxino as persoas espectadoras mirando para esta persoa nese escenario. Imaxino a esta persoa movéndose. Imaxino a observación destas persoas espectadoras que están mirando. Imaxino que a persoa no escenario explica que cada movemento é un son. Imaxino que a persoa no escenario comeza a moverse de novo. Imaxino as mentes das persoas espectadoras comezando a soar. Imaxino a súa viaxe sonora. Imaxino que nese enorme silencio aparecen moitas músicas marabillosas, así que imaxino que xa non hai silencio.

Soundtrack é unha banda sonora e tamén é a banda sonora de si mesma. E ao mesmo tempo hai moitas bandas sonoras, tantas como persoas oíntes, tantas como “intérpretes” hai. Porque a persoa oínte e a persoa intérprete son a mesma persoa. A intérprete é a folla: unha folla que manipula moitas follas. Polo tanto, Soundtrack é a banda sonora de varias bandas sonoras escoitadas e feitas por múltiples oíntes/intérpretes.

En Soundtrack traballo coa idea de Sonidación. Unha palabra inventada a través dunha pequena deriva etimolóxica:

• Imaxe: do latín imago (retrato, copia, imitación).

• Imaxinación: do latín imaginatio. Significa “acción e efecto de formar unha figura mental” (unha imaxe). Os seus compoñentes léxicos son: imago (retrato), máis o sufixo -ción (acción e efecto).

• Sonido: do latín sonitus e significa “sensación de escoitar”. Os seus compoñentes léxicos son: sonare (facer un ruído), máis o sufixo -ido (calidade perceptible polos sentidos).

• Sonidación (Soundidation): acción e efecto de formar un son mental. Os seus compoñentes léxicos son: sonare (producir un son), máis o sufixo -ción (acción e efecto).

Óscar Bueno Rodríguez

Óscar Bueno Rodríguez

Óscar Bueno (1985, Avilés, Asturias) é licenciado en Arte Dramático pola ESAD de Asturias na especialidade de Interpretación Textual, titulado en Grao Profesional de Música con especialización en Piano, e máster en Práctica Escénica e Cultura Visual pola Universidade de Castilla-La Mancha e o Museo Reina Sofía (Madrid).

A súa práctica móvese de maneira constante entre o performativo, o musical e o visual, de forma máis ou menos intencional. Defínese como creador e intérprete, pero tamén traballa acompañando procesos doutros artistas.