Desbordamentos

Neste apartado de desbordamentos recollemos distintas actividades que se desenvolven ao longo do noso percorrido: participación en encontros, actividades puntuais, etc.

Imaxe Polo Cultura Gaivotas Boa Vista

2025

#Mitinyù | MeetYou Valladolid

En marzo de 2025, Caterina Varela participa como convidada no #Mitinyù do Festival MeetYou que se celebra no Teatro Calderón de Valladolid, comisariado por Jorge Tejedor e Guillermo de Cabanyes.

Un encontro profesional que se consolida como un espazo de reflexión e conexión para profesionais das artes escénicas contemporáneas que reúne a profesionais internacionais arredor da esencia das colaboracións e a prol dunhas conexións máis significativas. No programa, acompañamos unha breve presentación coa artista Cris Balboa ao carón da nosa colega Sabela Mendoza, da plataforma De Corpos Presentes, xa que ambas estruturas apoiamos o seu proceso de creación Sinte en 2024.

 

2024

Boas Prácticas culturais en Residencias Artísticas | Coliving Artístico Municipal de Lugo

A finais de novembro participamos na sesión titulada Boas Prácticas culturais en Residencias Artísticas impulsada polo CAM (Coliving Artístico Municipal de Lugo) dentro do seu proceso de co-deseño. Coa participación de destacados axentes culturais abórdanse as repercusións das boas prácticas nos proxectos de residencias artísticas, explorarando diversos enfoques sobre a profesionalización, a sustentabilidade, o acceso á cultura, ou os protocolos para espazos seguros. 

A sesión conta con catro presentacións a cargo de Zaida Llamas e Alfredo Puente (Coordinación xeral e curadoría da Fundación Cerezales Antonino y Cinia, Cerezales del Condado, León); Ania González (Avogada especializada en dereito da cultura e propiedade intelectual, cofundadora de despacho.eu, Vigo); Sara García (Cofundadora da A Seara e vogal da Asociación Galega de Profesionais dá Xestión Cultural, Lugo ) e Caterina Varela (artista, comisaria e xestora cultural, directora do programa Residencias Paraíso do Colectivo RPM).

 

Dereitos Culturais para unha Democracia Viva | O Gabinete

En novembro participamos do encontro “Dereitos Culturais para unha Democracia Viva”, unha conversa aberta entre Caterina Varela e Fran Quiroga impulsada por O Gabinete. O obxectivo da conversa e o debate é abrir un espazo de reflexión para coñecer como se poden materializar os dereitos culturais na praxe, a través de accións concretas que xa están a funcionar en Galiza como é o caso das Residencias Paraíso impulsadas polo Colectivo RPM e coñecer os mecanismos concretos de acción, analizar que impactos conleva a nivel sectorial e cidadá e cal son os marcos a futuro da cultura ao servizo da cohesión social e territorial.

 

Fugas e Interferencias | CGAC 

O programa do IX Internacional Performance Art Conference Fugas e Interferencias contou cunha conferencia plenaria a cargo de Caterina Varela titulada Residencias Paraíso 2027–2024. Un percorrido pola traxectoria de RPM desde o nacemento do seu programa de residencias artísticas Residencias Paraíso. A través dos distintos momentos do seu percorrido, abórdanse as claves do seu modo de operar e se reflexiona sobre o papel fundamental que xogan os proxectos independentes de apoio aos artistas no panorama universal das artes performativas.

O Internacional Performance Art Conference Fugas e Interferencias está organizado pola Universidade de Vigo e conta coa colaboración do Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC). O obxectivo fundamental do congreso céntrase na análise e reflexión sobre os novos comportamentos da arte de acción, tanto desde a práctica como desde a reflexión teórica.

 

Vermuts de internacionalización | La Caldera

Os Vermuts Virtuais de Mobilidade e Internacionalización 2024 son un prototipo de acción, comunicación e traballo en rede ideado estratexicamente como un foro de apoio e promoción ás artistas que compoñen o programa anual de La Caldera, así como un exercicio de posicionamento nacional e internacional da propia institución de cara a unha futura Plataforma de Mobilidade e Internacionalización, La Caldera Magnètic, de carácter presencial e cunha primeira edición en 2025.

En torno a focos de conversa ou eixos temáticos como pretexto para compartir experiencias creativas, metodoloxías culturais e os perfís e intereses das artistas vinculadas a La Caldera, Caterina Varela participa na mesa adicada ao contexto estatal xunto a Guillermo Arazo (Espai La Granja Valencia), Fernando Pérez (Azkuna Zentroa Bilbao), Beatriz Bello e Darío Barreto (Laboratorio de Artes Vivas e Cidadanía de Tenerife), Jacobo Pallarés (Rede de Teatros Alternativos), Lorenzo Pappagallo (Festival Escena Patrimonio), Lorena Benot (Festival Cádiz en Danza).

 

Xornadas profesionais | Escena Galega

Dentro das xornadas profesionais que Escena Galega organiza anualmente no Pazo de Cultura de Carballo, RPM estivo presente a través da directora de Residencias Paraíso, Caterina Varela, nunha mesa de debate titulada "A mediación. Expandir as relacións entre público espectador e escena profesional" xunto a Paloma Leal (Baychimo Teatro), Victoria Teijeiro (actriz, terapeuta ocupacional e doutora en teatro para a inclusión social) e Eva Alonso (Xunta Directiva Escena Galega).

 
Pro Labs | MeetYou Valladolid

En marzo de 2024, Caterina Varela participa como convidada en Pro Labs no Festival MeetYou que se celebra no Teatro Calderón de Valladolid.

Pro Labs é unha plataforma internacional de encontros profesionais que ten lugar en paralelo ao festival e que este ano está dedicada ás residencias artísticas baixo o título "Creative Cities: Artists' residency models and glocal collaborations", que reúne a prescriptores nacionais e internacionais de Bélxica, Francia, Italia, Países Baixos, Polonia, Portugal e Ucraína.

 

2023

O que pode a danza | Consello da Cultura Galega

Rematamos 2023 coa publicación dunha reportaxe do Consello da Cultura Galega sobre Colectivo RPM para o seu proxecto O que pode a danza. Un proxecto da Sección de Artes Escénicas, Musicais e Audiovisuais do Consello da Cultura Galega comisariado por Natalia Balseiro e coa realización audiovisual de Miramemira.

 
Exercicios diarios para corpos sensibles

Acabando o verán 2023, publicamos unha colección de vídeos – preparados especialmente para redes sociais– para achegarnos a distintos universos artísticos. Da man de oito artistas do noso territorio –Mónica Mura, Julia Laport, Fran Martínez, Cris Balboa, Tina Roco, Bal Castro & Inés Santos, Alejandra Balboa e Sabela Domínguez– creamos este repositorio dixital. Un proxecto que foi posible grazas ao apopio do INAEM / Ministerio de Cultura, a través dos Fondos Next Generation da Unión Europea.

 

Dance Interfaces | Plataforma para a internacionalización e promoción da danza made in Canarias

No verán 2023, Caterina Varela participou como convidada na plataforma bianual Dance Interfaces en Tenerife coñecendo de primeira man o traballo de distintas artistas canarias e doutras colegas de distintos territorios. Dance Interfaces está impulsada polo Laboratorio de Artes | Tenerife LAV.


2022

Expedición Portugal

No ano 2022, Caterina Varela e Félix Fernández viaxaron en varias ocasións a Portugal para se atopar con outras profesionais portuguesas e coñecer máis de cerca o contexto do país veciño, grazas ao apoio de Acción y Promoción Cultural do Ministerio de Cultura, e dentro da nosa estratexia de apertura a Portugal.

Nesta expedición, pudieron atoparse con Catarina Saraiva e Alexandre Valinho da plataforma Linha de Fuga, con Paulo Covas de Campus Paulo Cunha Silva en Porto, con Rui Torrinha, director artístico do CCVF de Guimarães, con Diana Estrela e Beatriz Lobo de A Turma en Porto, con Ana Carvalhosa, Pedro Vilela e André Braga da CRL – Central Elétrica de Porto, con Sofia Freitas de Mala Voadora en Oporto, con Elisabete Paiva e Sofía Matos de Materiais Diversos en Lisboa, con Carla Sobre Nousa, co-directora artística de Espaço Alkantara en Lisboa, con Diana Lopes de Polo Cultura Gaivotas Boavista en Lisboa e con Tânia M. Guerreiro de PI Produções Independentes.


2020

Publicación | Prácticas inspiradoras de las artes vivas en Iberoamérica

No ano 2020, o Festival Grec de Barcelona apoia e acolle a presentación dunha publicación –impulsada por Catarina Saraiva, Eduardo Bonito, Fernando García e Natacha Melo–, co nome Prácticas inspiradoras de las artes vivas en Iberoamérica, un mapeo que recolle distintas experiencias de gran interese a ambos lados do océano. Despois dunha primeira edición con 55 prácticas chegaron a 100 prácticas cunha publicación, de libre acceso, presentada no FIT de Cádiz 2021.


Habitación Peregrina

Fumos convidadas a presentar o proxecto de Residencias Paraíso no encontro sectorial Habitación Peregrina promovido por Camiño Escena Norte, no Vello Cárcere de Lugo. Alí, Caterina Varela, puido trasladar as claves do programa e coñecer outros proxectos da costa cantábrica.

 

2018

Taller Fluxonomía no Festival DNA

Dentro do programa do festival DNA de Pamplona Félix Fernández e Caterina Varela participamos dun encontro con distintos profesionais nacionais arredor do tema da Fluxonomía e da Economía 4D. Estivemos traballando man a man cas distintas compañeiras ao longo de tres días na cidade navarra.

 
Galicia Escena Pro

Dentro do programa de conferencias da feira profesional impulsada polo Agadic fixemos unha presentación do programa na biblioteca do Salón Teatro preparada para o contexto de socios da propia Rede Galega de Teatros e Auditorios, levada a cabo por Rut Balbís e Caterina Varela.

 
Encontro Artistas Novos

Do mesmo xeito, Félix Fernández fixo unha presentación do programa e do funcionamento da convocatoria de Residencias Paraíso dentro das ponencias que se realizan dentro do Encontro de Artistas Novos, recalcando a interdisciplinaridade da convocatoria.

 
Festival WOS

No contexto do Festival WOS, Rut Balbís participou da mesa de debate titulada “Temos que falar: novas políticas de xestión cultural” no CGAC (Centro Galego de Arte Contemporáneo) en Santiago de Compostela.

 
Culturgal

Convidadas por Escena Galega, Caterina Varela participou no Cultugal 2018 no marco das xornadas “Unha escena galega para o futuro: na busca de novos modelos e sinerxias para a xestión e creación nas artes escénicas” no Pazo da Cultura de Pontevedra.


2017

Jastas Pista

Jastas pista foi un conxunto de accións que se desenvolveron no barrio de Montealto da Coruña, coa vontade de involucrar á comunidade dese barrio en actividades relacionadas coa danza e co corpo en movemento dunha maneira lúdica, educativa e participativa.

O proxecto soñaba coa idea de recuperar a praza, o espazo público, como campo de batalla comunitario. Unha batalla figurada na que converter a praza en pista de baile, recuperando á súa vez a forza da experiencia colectiva.

Como colofón, o Maratón Jastas Pista foi un concurso de baile por parellas para veciños e veciñas da cidade, co acompañamento do DJ Isaac Peixes, Areta Bolado como mestra de cerimonias e un xurado popular.

 
Let’s dance

Let's dance foron unha serie de encontros que se celebraban as mañás dos domingos do mes de outubro de 2017 no Campo da Leña. Encontros onde os corpos se activaron de forma colectiva a través do movemento nunhas sesións guiadas por distintos artistas convidadas (Armando Martén, Andrea Quintana, Cristina Montero, Alexis Fernández, Ánxela Blanco, Félix Fernández, Iván Marcos e Caterina Varela).

Dentro do contexto de Nocturnia –o programa de lecer alternativo da Concellería de Xuventude do Concello da Coruña– tamén activamos encontros nocturnos para os adolescentes da cidade.

 
Remezcla Popular

Remezcla Popular foi un proceso de creación cunha comunidade non profesional da cidade, pilotado por un artista local (Leodán Rodríguez) e tendo como motor creativo a reinterpretación dunha peza fundamental da danza contemporánea galega (Cara Pintada de Janet Novás). O obxectivo desta acción era transmitir as lóxicas da creación contemporánea aos nosos veciños e veciñas. Ao mesmo tempo, poñer en valor a creación contemporánea galega.

 

2015

Campo Magnético

Campo Magnético foi unha acción excepcional e única, preparada especialmente para o marco das festas de María Pita 2015, na que por primeira vez reuníronse unha ducia de artistas locais independentes (Rut Balbís, Ánxela Blanco, Blanca Blanco, Alexis Fernández, Carolina Fernández, Félix Fernández, Armando Martén, Kirenia Martínez, Ana Beatriz Pérez, Carlota Pérez, Andrea Quintana e Caterina Varela) relacionadas coas artes do movemento en clave contemporánea, para formar parte dun proceso de creación singular.

Unha experiencia colectiva para a que lle trasladamos un convite a Félix Fernández para que asinase unha acción que se construíse co grupo completo na mesma semana da apertura pública. Unha suma de vontades a favor dunha experiencia simbólica e irrepetible.

O sábado 8 de agosto bailamos xuntos no Parque da Sardiñeira para unha gran cantidade de persoas que contra pronóstico encheron a praza.