Nos últimos anos Colectivo RPM colabora co Auditorio de Galicia cunha cita anual que serva de encontro coa comunidade das artes vivas do noso territorio coa vontade de continuar construíndo comunidade e reflexionando xuntas sobre o noso contexto en xeral e o papel de Colectivo RPM en particular.
Nos últimos anos estas xornadas contaron cun cariz formativo, convidando a distintas profesionais a conducir prácticas ou laboratorios específicos dirixidos ás socias-amigas do colectivo.
Co laboratorio participativo con Aleksandar Georgiev en 2024 se inicia unha nova etapa na que a cidadanía de Compostela poderá gozar dunha mostra preparada especialmente para a súa programación municipal de verán.
31.07–07.08.2024 | Sala Isaac Díaz Pardo + Parque de Bonaval
Fantastic Futures (A Beginning). Un laboratorio de creación con Aleksandar Georgiev
Colectivo RPM, en colaboración co Auditorio de Galicia, impulsa un laboratorio co artista Aleksandar Georgiev dirixido a artistas do campo das artes performativas con interese de compartir unha experiencia colectiva arredor do universo artístico deste bailarín e coreógrafo europeo.
O laboratorio –que terá lugar entre os días 31 de xullo e 7 de agosto na Sala Isaac Díaz Pardo de Santiago de Compostela– afondará nas claves de investigación e creación que Aleksandar Georgiev está abordando para a súa nova obra Fantastic Futures. O obxectivo desta iniciativa é construír unha versión colectiva –titulada Fantastic Futures (a beginning)– que se poderá ver no Parque de Bonaval o día 7 de agosto ás 20 horas, dentro do marco do Festival C de Santiago de Compostela.
“Bailar na nostalxia queer” non é só un baile; é un programa de televisión pop, un meme compartido ou un anuncio peculiar para un arquivo de danza. Un espazo para a convivencia de distintas historias da danza, aberto á empatía cinética, ao pracer, a satisfacción e a tenrura radical. Fantastic Futures constrúese desde espazos ultraperiféricos, revisitando os nosos pasados emocionais, ocultos, avergoñados e culpables, os de atrás.
Máis información no PDF descargable no apartado Descargas.
18.02.2023 | Auditorio de Galicia
O Podcast chegou para quedar. Un laboratorio con Toña Medina & Ángeles Oliva
Entre algoritmos e plataformas, cunha competitividade feroz por sumar seguidoras, o podcast volveu a facer efervescente o son, como o fixo a radio fai cen anos. Na época das stories, tik tok e youtube, o formato audio vive un momento de explosión. E nesta era de hiper información e urxencia, o podcast pode ser un oasis para a reflexión, e tamén para a experimentación.
Nesta sesión escoitaremos podcasts que contan historias e exploran novas linguaxes, que utilizan os elementos do medio sonoro para facer un documental, unha serie de ciencia ficción ou unha historia de vida. Propoñeremos prácticas de escoita, exercicios coa voz ou cos ruídos, para aproximarnos á diversidade dos podcasts e soñar con facer un propio.
Toña Medina e Ángeles Oliva levan 20 anos traballando en podcasting e radio. Dirixen o podcast “por el principio” na Cadena SER dende hai 5 anos. Foron directoras artísticas de M21 Radio, a emisora do Concello de Madrid. Foron coordinadoras do Laboratorio de Radio Experimental da Casa Encendida durante 14 anos. Dirixiron o podcast “Historias íntimas” para Audible. Realizaron podcasts para o Museo Reina Sofía, CA2M, Radio 3, Ministerio de Educación ou colectivos como A Laboratoria. Mostraron pezas sonoras e radio performances en numerosos festivales e exposicións.
7–8.05.2022 | Auditorio de Galicia
Tropezar 2 veces. Laboratorio con Amaia Bono & Damián Montesdeoca.
O eixo principal do laboratorio será a relación entre linguaxe e composición escénica. Se dicimos que a coreografía está dividida en frases, que significa encarnar a gramática? Entendendo isto como a parte da lingüística que estuda a estrutura das palabras e os seus accidentes, así como a forma en que se combinan para formar oracións.
Despois de dúas traxectorias independentes, Damián Montesdeoca (As Palmas de Gran Canaria, 1992) e Amaia Bono (Vitoria-Gasteiz, 1989) coinciden no marco do máster en Prácticas Escénicas e Cultura Visual da UCLM. E é aí onde comezan a pensar xuntos sobre modelos de produción/creación/investigación artística que parten de estratexias convencionais, superando os límites da tradición escénica.
O seu proxecto La repetición, que estivo en residencia no MACBA, atopa a súa orixe na seguinte idea, expresada nas palabras deste tándem artístico: “A ciencia só pode percibir fenómenos repetibles. Coñecemos o universo a través do que se repite. O latido do corazón é unha repetición que nos mantén vivos. Na vida todo se repite. Todo se repite. Na historia, todo o que esquecemos repítese. Repetimos os nosos erros. "O ser humano é o único animal que se repite ao tropezar coa mesma pedra".
30.06–01.07.2021 | Auditorio de Galicia
Cómo engendrar a tu dragón. Un laboratorio con Pablo Lilienfeld e Federico Vladimir.
Neste obradoiro compartimos coas participantes algunhas ferramentas que vimos usando no proceso de creación e investigación dos nosos proxectos máis recentes, a través dunha metodoloxía de creación de personaxes baseada na ficción especulativa, auto-ficción e xogos de rol de fantasía. Estes xogos funcionan como ferramentas textuais e pre-dixitais de exploración da identidade e “world-building”, xa que convidan a ocupar un papel liminar nos límites da persoa, o xogador e a personaxe; un proceso moi similar ao da performance.
Pablo Lilienfeld e Federico Vladimir foron Artistas Paraíso en distintas ocasións.