Sobre nós

Colectivo RPM é un colectivo de artistas vencellados á danza e as artes vivas que imaxina, deseña e acompaña distintos proxectos contextuais desde Galicia.

Colectivo RPM

Manteñen un claro compromiso polo diálogo interinstitucional e o impulso de iniciativas ao redor da creación contemporánea, a investigación e a visibilidade da comunidade artística da danza e as artes vivas. Ademais do acompañamento de artistas e procesos, o colectivo tamén xera diálogos e accións coas comunidades locais para achegar a práctica artística á cidadanía.

Dentro das liñas de acción do Colectivo RPM destaca o programa Residencias Paraíso –construído cunha rede de teatros e espazos cómplices en Galicia– que lanza unha convocatoria anual para acoller en residencia a distintos artistas ao longo do ano, despregando unha serie de programacións expandidas abertas ao público. Este programa esténdese fóra de Galicia na liña Cruceiros Paraíso que posibilita abrir liñas de colaboración con outros espazos estatais e internacionais.

O equipo

Retrato Caterina Varela
Caterina Varela
Directora Residencias Paraíso
Socia fundadora RPM
Retrato Félix Fernández
Félix Fernández
Co-coordinador Residencias Paraíso
Socio fundador RPM
Retrato Rut Balbís
Rut Balbís
Co-coordinadora Residencias Paraíso
Socia fundadora RPM
Retrato Alexis Fernández
Alexis Fernández (Maca)
Produción Residencias Paraíso
Socio fundador RPM
Retrato Natalia Balseiro
Natalia Balseiro
Mediación social
Chente Conde
Vicente Conde
Administración e contabilidade RPM
Retrato Rubén Vilanova
Rubén Vilanova
Fotografía
Imaxe Maider Jiménez
Maider Jiménez
Documentación Vídeo
Retrato Sara Traba
Sara Traba
Documentación Vídeo
Retrato Luisa Castiñeira
Luisa Castiñeira
Prensa Residencias Paraíso

Caterina Varela

Artista, comisaria e xestora cultural, nacida en Galicia. Desenvolve a súa traxectoria profesional no ámbito da danza e das artes vivas, tanto na creación artística como na dirección e coordinación de proxectos de xestión cultural vinculados a residencias artísticas, creación de públicos e comisariado. Dirixe a compañía de danza La Macana xunto ao seu compañeiro Alexis Fernández durante quince anos. É fundadora e directora do programa Residencias Paraíso do Colectivo RPM. Foi responsable da Programación Expandida TRC Danza do Teatro Rosalía de Castro da Coruña (2014–2022). Como profesional independente, colabora con outras organizacións estatais como comisaria, mediadora e asesora.

Félix Fernández

Licenciado en Belas Artes e formado en danza e performance. Premiado en numerosas ocasións polo seu traballo multidisciplinar no territorio nacional, a súa obra aparece en numerosos formatos: vídeo, música electrónica, instalación, performance, debuxo e fotografía. En paralelo á súa obra tamén conduce diferentes talleres de creación artística

Rut Balbís

Licenciada en Ciencias do Deporte e formada en danza contemporánea. Bailarina, creadora e profesora de danza, dirixe a súa propia compañía Pisando Ovos coa que ten un notable recoñecemento polo seu traballo como creadora. Profesora e creadora invitada para outros proxectos de danza, foi coordinadora da aula de Danza da Universidade da Coruña.

Alexis Fernández (Maca)

Bailarín e creador galego, de orixe cubana. Graduado na Escola Nacional de Artes de La Habana. Codirixe a compañía de danza La Macana coa súa compañeira Caterina Varela dende fai quince anos, ademais de participar en distintos proxectos internacionais como bailarín independente. Foi co-director do Festival Empape de 2008 a 2011.

Natalia Balseiro

Investigadora, curadora e mediadora cultural. Dende fai máis de vinte anos deseño procesos e proxectos de arte, cultura, participación, innovación democrática, mediación e desenvolvemento territorial e sectorial, tanto desde a administración pública coma profesional independente a nivel local, autonómico, estatal e internacional. O seu traballo caracterízase polo deseño colaborativo -coas persoas afectadas, involucradas e interesadas nos proxectos-  e estratéxico (deseño integral e a longo prazo) buscando solucións e ou proxectos que respondan a necesidades territoriais, sociais ou  sectoriais pero encaixadas na axenda social internacional. Colabora cun equipo interdisciplinar de profesionais do ámbito do deseño, a arte, a cultura, a participación e a comunicación con longa experiencia.

Vicente Conde

Licenciado en ADE pola Universidade de Vigo e viticultor no Ribeiro.

En 2016 trasládase a Santiago para estudar un Máster en Servizos Culturais e un posgrao en Xestión Cultural. Será a partir dese momento cando a súa carreira profesional escolle un claro camiño a seguir, desenvolvendo labores de mediación cultural en proxectos de Innovación Sociocultural, tamén como xestor e administrativo contable en cooperativas culturais e, máis recentemente como contable e axudante de produción na cía de teatro contemporáneo Voadora.

Rubén Vilanova

Fotógrafo e traballador cultural no ámbito rural.
Estuda na Escola de Artes Plásticas e Deseño Antonio Faílde a especialidade de Fotografía Artística e continúa a súa formación da man de artistas de nomeado prestixio. As súas exposicións individuais e colectivas teñen viaxado por salas dentro e fora do estado e foi premiado en diversos certames e concursos.
O seu ámbito de traballo na fotografía pasa pola fotografía artística, de produto, patrimonio e se especializa nas artes escénicas.
Dende 2010 produce os espectáculos da compañía de danza Licenciada Sotelo xunto con Nuria Sotelo; e no 2021 fundan o espazo de creación A Casa Vella, na aldea de Amiadoso na Reserva da Biosfera de Allariz.

Maider Jiménez

Maider Jiménez é fotógrafa e videógrafa documental, editora e docente. Vive e traballa entre Euskadi e Galicia. Céntrase na creación de narrativas visuais a través da súa obra artística e profesional, desenvolvendo proxectos persoais e tamén traballos por encargo para outros artistas, proxectos escénicos e diversos clientes. Nos últimos anos, iniciou unha traxectoria na docencia e no seguimento de  proxectos, sendo profesora e comisaria en obradoiros de fotografía para a inclusión social. A súa obra artística é un espazo de encontro persoal, centrado na intimidade, no cotián e no retrato. Aborda temas que implican o xénero, a identidade, os vínculos afectivos e a familia.

Foi finalista no Festival Baffest (2023), no III Premio Editorial do Festival Ffoco e participou no XIII Encontro de Artistas Novos na Cidade da Cultura, entre outros recoñecementos. Entre as súas exposicións máis destacadas atópanse Getxophoto (2023), SCAN (2024), IMAGINÀRIA (2025), así como mostras na Sala Amárica (Vitoria-Gasteiz) e no Museo La Neomudéjar (Madrid).

Sara Traba

Cineasta e historiadora da arte. Cursou os estudos de Historia da Arte na Universidade de Santiago de Compostela e posteriormente os estudos cinematográficos en Bande À Part, en Barcelona. A linguaxe audiovisual ofrécelle a oportunidade, a través da súa expresión artística, de explorar temas como a identidade, o espazo e o patrimonio. Cuestións que parten dunha ollada que se fixa nos procesos que se dan na natureza e na paisaxe.

Como cineasta, ademais da dirección e a escrita de guións, traballa como operadora de cámara e montadora en proxectos documentais, de ficción, musicais ou de videocreación. Como directora, proxectos como As vacas de Wisconsin foron proxectados e/ou premiados en festivais nacionais e internacionais.

Sara Traba forma parte da coordinación do ciclo de cinema galego-portugués “Mulleres, Patrimonios, Sociedade”.

Luisa Castiñeira

Xornalista, consultora de comunicación e xefa de prensa especializada en cultura, artes escénicas e música. Tras traballar en medios como El Mundo, Magazine ou Metrópoli como xornalista cultural durante máis de media década, da o salto ao mundo das axencias de comunicación. Nos últimos quince anos, dirixiu e desenvolveu campañas de comunicación e prensa para proxectos como Escena Contemporánea, Festival de Otoño, Madrid en Danza, Festival Noroeste Estrella Galicia, FIV, Teatro Kamikaze, Semana do Cinema Galego, FIOT, Momentos Alhambra Acustiquísimos, Teatro Español, Teatro Circo Price, Voadora, Marta Pazos, Metamorphosis Dance, MEGA Museo de Estrella Galicia ou Viñetas desde o Atlántico, entre moitos outros. En 2015 funda The Office Comunicación xunto ás súas compañeiras e, desde 2024, traballa co Colectivo RPM na comunicación das Residencias Paraíso.