Teorema
‘Teorema’ é un proxecto escénico e de investigación de Javier Martín que indaga nos sons e movementos do interior del corpo, para rescatar memorias e propoñer novas sensibilidades.
En ‘Teorema’, as resonancias do interior do corpo compoñen a paisaxe sonora para a danza, despréganse nun espazo partitura onde os obxectos – fume, carbón, corda, xeo, cristal– dispóñense misteriosamente para alcanzar a súa propia floración. O corpo danzante anima o espazo para a danza. A sinfonía do corpo é a sinfonía do espazo e viceversa. Unha reflexión sobre as relacións entre interioridade e exterioridade, entre materia e memoria, que anima a cuestionar e a romper coas inercias por onde nos percibimos e nos relacionamos co entorno. Nada é como parece, e aínda así traballamos co que está disposto. “Unha demostración de que a ciencia fai promesas que só a carne cumpre e de forma moi misteriosa” (Roberto Fratini).
Coreografía, carne e gramática.
Método negro
A peza circunscríbese ao ámbito das artes do movemento, atopando o seu lugar entre a performance, a instalación, a acción contemporánea, a danza e os procesos de investigación. Unha coreografía de encontro con “o outro”, nun pulso co real e o seu dobre. Un exercicio que pretende declinar a ausencia: "A outra metade que non se ve, como o baleiro ao que volve o resplandor." Ao bailala non se desenvolve a presenza da forma, pois o movemento acontece a través da desaparición da forma. Declínase a ausencia. Un devir imperceptible.
Consta dun proceso de creación continuo, que sostén a convocatoria de grupos de traballo temporais. A intención é a de situar nos corpos os contidos que conforman as texturas de movemento de ‘método negro’. Desenvolvendo unha deriva investigadora en comunidade, nun corpo ampliado ou ácrata. Trátase de permitir a inferencia e a crítica, enriquecendo a coreografía na coemerxencia do fenómeno, e compartir coñecemento.
Unha práctica en código aberto.
Javier Martín
Coreógrafo e investigador. Desenvolve un proxecto de investigación - cun enfoque epistemolóxico e crítico - arredor das artes do movemento. Situado na creación coreográfica e performativa, atopa as súas fugas en diferentes desbordamentos discursivos e as súas aplicacións, como a escrita, conferencias-performativas, procesos de obra acompañados de laboratorios e grupos de traballo, a activación e desenvolvemento de grupos de investigación, o acompañamento de itinerarios formativos en distintas universidades, ou o desenvolvemento de seminarios. O iluminador da escena Octavio Mas e a mediadora Sabela Mendoza achegan a súa sensibilidade e saber facer ao proxecto.
Nos seus comezos, foi compañía residente no Teatro Galán de Compostela durante o seu primeiro ano de traballo (2005), mentres estudaba Química na Facultade da USC especializándose no itinerario de Mecánica Cuántica. Desde entón, estrea máis de 30 pezas, como ‘Figuras do limiar’ (2021) ‘Teorema’ (2020), ‘SOMA’ (2019), ‘método negro’ (2018), ‘a exforma’ (2017), ‘control’ (2015), ‘oximórica’ (2015)... en España, Portugal, Francia, Rusia, Ucraína, México, Uruguai e Guatemala.