A mesa
O proxecto que queremos investigar durante esta residencia é unha nova liña curatorial para abrir as artes vivas ao noso espazo de creación contemporánea Sarao Studio. Sarao Studio naceu hai un par de anos como un espazo vinculado principalmente ás artes visuais, pero sempre aspirou a converterse nun proxecto moito máis amplo no que as artes vivas tamén ocupen o seu lugar.
A invitación de RPM a participar neste laboratorio de Linha de Fuga fixo que pensásemos xuntas nunha liña curatorial concreta para traballar durante o laboratorio en relación a esta idea. Un exercicio de estudo que poña o proceso en crise, como se tratase da creación dunha obra de arte. ¿Podemos imaxinar un proceso curatorial como un proceso afectado polas metodoloxías da creación artística?
A mesa é o título dun programa a desenvolver no noso espazo ao longo de 30 días e que ten como leitmotiv o obxecto mesa. A decisión de tomar o obxecto mesa como o elemento central para o exercicio ofrécenos un ancla (unha escusa estética) ao redor da cal imaxinar posibles intervencións (tanto invitacións a intervencións artísticas como outro tipo de actividades de pensamento en relación á comunidade) e, por outro lado, acércanos ao concepto de encontro, un concepto capital dentro do ADN de Sarao Studio.
¿Podemos abordar A mesa desde a lóxica das artes performativas? ¿Cal sería a súa dramaturxia? ¿Que relato propón? ¿Que escenas a compoñen? ¿Que corpos aparecen? ¿Como se relaciona co espazo? ¿Como se abre ao outro?
Sarao Studio
Sarao Studio é un espazo de cultura contemporánea situado en Ferrol e fundado por Néstor Da Silva Carro e Laura María Freire Cameselle. En 2023 abriu as súas portas nun antigo local comercial da rúa Real. Tras 15 exposicións e 80 artistas, en setembro de 2024 Sarao Studio trasladouse a unha nave industrial do barrio de Catabois.
Néstor Da Silva Carro é comisario, galerista e deseñador gráfico. Aventurouse no mundo do emprendemento aos 18 anos cun taller de restauración de mobles vintage, que mantivo aberto ata 2021, cando decidiu pechar para idear o que hoxe é Sarao Studio xunto a Laura María Freire Cameselle.
Laura María Freire Cameselle é comisaria, galerista e interiorista, graduada en Conservación e Restauración do Patrimonio Cultural e con un Máster en Interiorismo. Xunto a Néstor Da Silva Carro fundou en 2021 o proxecto Sarao Studio.
Este Cruceiro Paraíso é posible grazas ao apoio da Deputación da Coruña