Blondi

Blondi nace da idea de contar a historia da humanidade doutro xeito. Blondi  era a cadeliña de Adolf Hitler, unha pastora alemá que el sacrificou antes de suicidarse. Non é unha cadela calquera, é a cadela do Führer. Führer é unha palabra alemá que significa guía, dirixente, caudillo ou condutor. Blondi  é un espectáculo multidisciplinar co movemento como ferramenta principal, onde conflúen pasado, presente e futuro, cunha estética provocadora e queer nun panorama social e político marcado por cambios significativos, crises e liberdades identitarias, e contextos onde as posturas políticas nalgúns países ás veces nos lembran a un pasado non moi afastado.

Nun tempo no que o público e o privado se difuminan, nun tempo de redes sociais, un youtuber, novo guía espiritual, social, económico (un novo Führer), busca adeptos e seguidores facendo un tutorial sobre unha postura de ioga: o can boca abaixo. Pouco a pouco, o youtuber guía vai converténdose en can, en Blondi, o can do Führer, sen saber xa se é guía, se é seguidor, quen é o seu dono, se en verdade ten dono, se manda e obedece. Unha cadela cuxo destino é o sacrificio ou quizais non. Un canto á liberdade e á beleza que cuestiona quen somos no mundo actual.

Blondi é unha cadela-performance que decide parar nun mundo frenético para pensar que é o que está pasando.

 

Este Cruceiro Paraíso é posible grazas ao apoio de Deputación da Coruña.
 

Imaxe David Loira

David Loira

David Loira

Creador, bailarín e actor formado en danza clásica, danza butoh, contemporánea, baile urbano, interpretación, clown, acrobacias, cabaré e comedia da arte. Desde 2002, participou como intérprete, produtor, director e docente en numerosos proxectos tanto en Galicia como a nivel estatal e internacional, e colaborou con compañías como Experimenta Danza, Caramuxo Teatro, Pisando Ovos, Berrobambán e Kirenia Danza, entre outras.