Residencias Paraíso é un programa de residencias artísticas deseñado e coordinado por Colectivo RPM co apoio de numerosas institucións. A través dunha convocatoria anual, acompáñanse distintos proxectos en residencia de artistas galegas, estatais e portuguesas vinculadas á danza e as artes vivas en colaboración con distintos espazos de Galicia. Estes espazos acollen aos artistas, durante dúas ou tres semanas, en residencias de investigación, creación e técnicas.
Convocatoria anual para artistas de España e Portugal
A convocatoria anual publícase a comezos de ano, e deixa aproximadamente un mes para a recepción de propostas. Está aberta a artistas galegas, estatais e portuguesas.
Cesión de espazo e dotación económica
As artistas seleccionadas na convocatoria realizan unha residencia de entre dúas ou tres semanas no espazo de acollida e reciben unha dotación económica de entre 1.500,00€ e 3.000,00€ segundo as necesidades do proxecto.
Programación expandida
Deséñase unha programación expandida específica para acompañar cada unha das residencias en diálogo coas artistas. Este concepto de programación expandida fai referencia aos desbordamentos naturais de cada proceso de creación cara á comunidade. Nalgúns casos, actívanse mostras abertas dos procesos, prácticas de corpo, grupos de traballo, laboratorios de creación, conferencias, etc.
Os proxectos
Os proxectos poden estar en distintas fases. Pódese participar do programa cun proxecto de investigación, un proxecto de creación ou para realizar unha residencia técnica.
Encontro anual
A finais de setembro, organizamos un encontro anual coas artistas Paraíso de cada edición na Illa de San Simón. Este encontro é unha convivencia de tres días, un espazo compartido entre artistas Paraíso, socias-amigas de Colectivo RPM, persoas vinculadas á rede de espazos colaboradores e profesionais independentes.
Documentación e arquivo
Colectivo RPM documenta en vídeo cada un dos proxectos que pasan polo programa, xerando un arquivo histórico que se amplía ano tras ano.