Sobre nós

Colectivo RPM é un colectivo de artistas vencellados á danza e as artes vivas que imaxina, deseña e acompaña distintos proxectos contextuais desde Galicia.

Colectivo RPM

Manteñen un claro compromiso polo diálogo interinstitucional e o impulso de iniciativas ao redor da creación contemporánea, a investigación e a visibilidade da comunidade artística da danza e as artes vivas. Ademais do acompañamento de artistas e procesos, o colectivo tamén xera diálogos e accións coas comunidades locais para achegar a práctica artística á cidadanía.

Dentro das liñas de acción do Colectivo RPM destaca o programa Residencias Paraíso –construído cunha rede de teatros e espazos cómplices en Galicia– que lanza unha convocatoria anual para acoller en residencia a distintos artistas ao longo do ano, despregando unha serie de programacións expandidas abertas ao público. Este programa esténdese fóra de Galicia na liña Cruceiros Paraíso que posibilita abrir liñas de colaboración con outros espazos estatais e internacionais.

O equipo

Retrato Caterina Varela
Caterina Varela
Directora Residencias Paraíso
Socia fundadora RPM
Retrato Félix Fernández
Félix Fernández
Co-coordinador Residencias Paraíso
Socio fundador RPM
Retrato Rut Balbís
Rut Balbís
Co-coordinadora Residencias Paraíso
Socia fundadora RPM
Retrato Alexis Fernández
Alexis Fernández (Maca)
Produción Residencias Paraíso
Socio fundador RPM
Mon Rivas
Mon Rivas
Soporte de oficina RPM
Chente Conde
Vicente Conde
Administración e contabilidade RPM
Retrato Rubén Vilanova
Rubén Vilanova
Fotografía Encontro Paraíso Illa San Simón
Retrato Henrique Lamas
Henrique Lamas
Documentación vídeos Residencias Paraíso
Retrato Lucía Martínez
Lucía Martínez
Redes sociais Residencias Paraíso
Retrato Luisa Castiñeira
Luisa Castiñeira
Prensa Residencias Paraíso

Caterina Varela

Artista, comisaria e xestora cultural, nacida en Galicia. Desenvolve a súa traxectoria profesional no ámbito da danza e das artes vivas, tanto na creación artística como na dirección e coordinación de proxectos de xestión cultural vinculados a residencias artísticas, creación de públicos e comisariado. Dirixe a compañía de danza La Macana xunto ao seu compañeiro Alexis Fernández durante quince anos. É fundadora e directora do programa Residencias Paraíso do Colectivo RPM. Foi responsable da Programación Expandida TRC Danza do Teatro Rosalía de Castro da Coruña (2014–2022). Como profesional independente, colabora con outras organizacións estatais como comisaria, mediadora e asesora.

Félix Fernández

Licenciado en Belas Artes e formado en danza e performance. Premiado en numerosas ocasións polo seu traballo multidisciplinar no territorio nacional, a súa obra aparece en numerosos formatos: vídeo, música electrónica, instalación, performance, debuxo e fotografía. En paralelo á súa obra tamén conduce diferentes talleres de creación artística

Rut Balbís

Licenciada en Ciencias do Deporte e formada en danza contemporánea. Bailarina, creadora e profesora de danza, dirixe a súa propia compañía Pisando Ovos coa que ten un notable recoñecemento polo seu traballo como creadora. Profesora e creadora invitada para outros proxectos de danza, foi coordinadora da aula de Danza da Universidade da Coruña.

Alexis Fernández (Maca)

Bailarín e creador galego, de orixe cubana. Graduado na Escola Nacional de Artes de La Habana. Codirixe a compañía de danza La Macana coa súa compañeira Caterina Varela dende fai quince anos, ademais de participar en distintos proxectos internacionais como bailarín independente. Foi co-director do Festival Empape de 2008 a 2011.

Mon Rivas

Con máis de 15 anos de experiencia na xestión de proxectos culturais a nivel internacional, traballa con diversas disciplinas artísticas, formatos e públicos. 
Máster en Xestión Cultural e de Festivais pola Queen Margaret University de Edimburgo (2012). As súas competencias principais inclúen planificación de produción, mentorización en industrias culturais, negociación, coordinación, presentación, moderación e comisariado de eventos e actividades culturais. 
Traballou con multitude de institucións e festivais internacionais de prestixio e é un apaixonado de promover e apoiar o talento emerxente, a diversidade e o cambio social a través da cultura.

Vicente Conde

Licenciado en ADE pola Universidade de Vigo e viticultor no Ribeiro.

En 2016 trasládase a Santiago para estudar un Máster en Servizos Culturais e un posgrao en Xestión Cultural. Será a partir dese momento cando a súa carreira profesional escolle un claro camiño a seguir, desenvolvendo labores de mediación cultural en proxectos de Innovación Sociocultural, tamén como xestor e administrativo contable en cooperativas culturais e, máis recentemente como contable e axudante de produción na cía de teatro contemporáneo Voadora.

Rubén Vilanova

Fotógrafo e traballador cultural no ámbito rural.
Estuda na Escola de Artes Plásticas e Deseño Antonio Faílde a especialidade de Fotografía Artística e continúa a súa formación da man de artistas de nomeado prestixio. As súas exposicións individuais e colectivas teñen viaxado por salas dentro e fora do estado e foi premiado en diversos certames e concursos.
O seu ámbito de traballo na fotografía pasa pola fotografía artística, de produto, patrimonio e se especializa nas artes escénicas.
Dende 2010 produce os espectáculos da compañía de danza Licenciada Sotelo xunto con Nuria Sotelo; e no 2021 fundan o espazo de creación A Casa Vella, na aldea de Amiadoso na Reserva da Biosfera de Allariz.

Henrique Lamas

Técnico superior en fotografía artística especializado en operativa de cámara de vídeo e cine. Traballa como videógrafo en diversos proxectos e campos, tendo as artes vivas como un dos mais importantes.

Lucía Martínez

Xornalista e consultora de comunicación enfocada na contorna dixital. Tras unha década de experiencia en medios como TVE, TV Castela e León ou a Axencia EFE, especialízase no eido da estratexia dixital, a comunicación en liña e as redes sociais.

Desde 2015 forma parte da axencia The Office Comunicación como responsable do equipo de comunicación dixital, dirixindo esta área en proxectos culturais de distintos sctores: artes escénicas (Festival de Otoño de la Comunidad de Madrid, Madrid en Danza, Festival Internacional de Otoño de Carballo (FIOT), Camino Escena Norte, Voadora, Butaca Zero e, agora, o Encontro Paraíso Illa San Simón); cinema (Cineuropa, Semana do Cinema Galego); musical (Festival Sinsal, Acustiquísimos, Festival Noroeste, Concertos do Xacobeo); e editorial (Viñetas desde o Atlántico).

Ademais imparte consultorías e docencia para compañías de artes escénicas da man de Escena Galega, e para proxectos musicais emerxentes con Estudios Mans (Fundación paideia).

Luisa Castiñeira

Xornalista, consultora de comunicación e xefa de prensa especializada en cultura, artes escénicas e música. Tras traballar en medios como El Mundo, Magazine ou Metrópoli como xornalista cultural durante máis de media década, da o salto ao mundo das axencias de comunicación. Nos últimos quince anos, dirixiu e desenvolveu campañas de comunicación e prensa para proxectos como Escena Contemporánea, Festival de Otoño, Madrid en Danza, Festival Noroeste Estrella Galicia, FIV, Teatro Kamikaze, Semana do Cinema Galego, FIOT, Momentos Alhambra Acustiquísimos, Teatro Español, Teatro Circo Price, Voadora, Marta Pazos, Metamorphosis Dance, MEGA Museo de Estrella Galicia ou Viñetas desde o Atlántico, entre moitos outros. En 2015 funda The Office Comunicación xunto ás súas compañeiras e, desde 2024, traballa co Colectivo RPM na comunicación das Residencias Paraíso.