Convocatoria 2017 - galego

Convocatoria 2017 - castellano

Formulario de inscrición - galego

Formulario de inscripción - castellano

Encontro coas persoas interesadas na convocatoria:

xoves 27 de xullo ás 19 horas na Fundación Luis Seoane da Coruña

ARTISTAS 2017 - RESIDENCIAS PARAÍSO

Sorprendidos/as e agradecidos/as tralo amplo volume de propostas recibidas para esta primeira convocatoria de Residencias Paraíso, a comisión formada por Xesús Ron (axente cultural e director da compañía Chévere), Mónica García (artista independente), Cristina Alonso (coordinadora do espazo de creación Graner de Barcelona) e Rut Balbís e Caterina Varela, como artistas integrantes do Colectivo RPM, acorda debuxar este primeiro programa co seguinte grupo de artistas:

 

  • Masako Hattori / cia Kokoharuka co seu proxecto “Este es de aire el otro de agua”, en residencia no Pazo da Cultura de Narón.

  • Borja Fernández e Diego Anido co seu proxecto “O inevitable”, en residencia no Pazo de Cultura de Carballo.

  • Estela Lloves / cia Arraiana co seu proxecto “Sempre viva”, en residencia no Vello Cárcere de Lugo.

  • Óscar Bueno co seu proxecto “Línea larga punto punto punto más alto curva hacia arriba punto”, en residencia na Fund. Luis Seoane da Coruña.

  • Dona Lambecricas e Peluda Queen (Areta Bolado e Ailén Kendelman) co seu proxecto “Barba inguinal”, en residencia no Vello Cárcere de Lugo.

  • Diego M. Buceta co seu proxecto “As vacacións máis longas”, en residencia no Auditorio Municipal de Ourense.

  • Begoña Cuquejo e María Roja co seu proxecto “2419CJX”, en residencia no Teatro Rosalía de Castro da Coruña.

 

Decidimos acoller un proxecto máis do que estaba previsto nun primeiro momento, ofrecendo unha residencia compartida para dous artistas tendo en conta as súas necesidades de proxecto e o encaixe cas dispoñibilidades de cada espazo anfitrión. Así é como o proxecto de Begoña Cuquejo e María Roja e o de Diego M. Buceta repartiranse o importe dunha das residencias, contando con 1.250 euros (IVE incluído) cada un deles, e 2.500 euros (IVE incluído) para cada un dos cinco proxectos restantes. A inclusión dun sétimo artista non fixo se non sumar no equilibrio das propostas a acompañar nesta primeira edición.

 

Nesta selección quixemos destacar as distintas tipoloxías de proxectos recibidos, tentando buscar o equilibrio entre as forzas máis emerxentes e os artistas cunha maior traxectoria, axudar ao impulso de novos proxectos en circulación, así como apostar por proxectos máis fronteirizos que entendemos alimentan o noso contexto particular e abren a nosa mirada cara as artes vivas hoxe en día.

 

Non queremos deixar de apuntar que dentro do volume de proxectos recibidos (60 en total) atopamos arredor dun 70% de propostas galegas e un 30% de propostas do resto da península que xeraron moito interese e debate na comisión. Apuntamos como positivo a gran cantidade de artistas de tipoloxía híbrida que se sentiron interpelados/as pola convocatoria e a cantidade de proxectos singulares (de pensamento, educación, procesos comunitarios, transdisciplinares) que non podemos acoller neste primeiro ano pero que arroxan luz sobre a construción dun programa máis reforzado nunha vindeira edición.

 

Como sabedes, colectivo RPM está composto por cinco artistas en activo que hoxe colocámonos deste lado da ecuación para tentar xerar un mellor contexto para todas as persoas que nos dedicamos ás artes vivas en Galicia. Como artistas temos que dicir que está sendo un exercicio emocionante e motivador ao mesmo que delicado ao non poder abarcar hoxe moitos dos proxectos de compañeiros/as que, sen dúbida, alimentarían enormemente o noso territorio.

 

Só darvos as grazas, de corazón, a todas e todos por achegarvos a Residencias Paraíso. Aló imos!

CRUCEIROS PARAÍSO

Cris Vilariño en El Graner de Barcelona

Cruceiros Paraíso fai a súa primeira parada en Barcelona no mes de novembro.

 

Dentro do programa de Residencias Paraíso nace unha primeira colaboración cun espazo de fóra do noso territorio que acollerá en residencia unha artista galega neste ano 2017, grazas a colaboración entre Colectivo RPM e El Graner.

 

El Graner, o espazo para a creación do corpo e o movemento de Barcelona, ábrelle as portas durante unha semana de outono á artista Cris Vilariño para que poida profundizar na súa investigación centrada no aprendizaxe a través do movemento. Cris Vilariño achegarase ao programa educativo que coordina El Graner ca vontade de coñecer de primeira man as claves da formulación de dito programa ca intención de alimentar o seu proxecto de investigación.

 

Cruceiros Paraíso fai unha primeira escala simbólica e ilusionante, fonte de inspiración para vindeiras colaboracións dentro e fóra do noso territorio.

RESIDENCIAS PARAÍSO

Un programa piloto de residencias artísticas para as artes do movemento en Galicia.

Grazas á colaboración entre Colectivo RPM, como entidade independente dedicada ao impulso da danza e a creación contemporánea en Galicia, e a Axencia Galega das Industrias Culturais, ábrese unha convocatoria para a realización dun programa de residencias artísticas de investigación e creación arredor da danza e as artes do movemento en Galicia no ano 2017, como un primeiro paso na construción dun programa xeral de impulso á danza en Galicia con vocación de permanencia.

Cabe sinalar a colaboración dos distintos espazos cómplices neste primeiro ano como apoios fundamentais para a construción dun programa destas características. Deste xeito o Concello da Coruña, o Concello de Lugo, o Concello de Narón, o Concello de Ourense e o Concello de Carballo súmanse como colaboradores para esta primeira convocatoria.

Residencias Paraíso pretende fomentar a aparición de novos proxectos de creación, impulsar a formación de novas agrupacións de artes do movemento, así como alimentar as necesidades das compañías consolidadas do territorio galego durante os seus períodos de creación, entendendo por residencia artística un espazo e un tempo dedicado á investigación ou creación e, polo tanto, sen obrigatoriedade de elaboración dun produto escénico concluído.

Residencias Paraíso abre convocatoria para 5 ou 6 proxectos en residencia cun importe de entre 2.500 e 3.000 euros cada un.

Residencias Paraíso, un proxecto de Colectivo RPM, co apoio da Axencia Galega das Industrias Culturais e a colaboración do Concello de A Coruña, o Concello de Lugo, o Concello de Narón, o Concello de Ourense e o Concello de Carballo.