ARTISTAS 2018 - RESIDENCIAS PARAÍSO

Comezamos dando as grazas porque o sentimento non pode ser outro que o de agradecemento. Grazas a todas as artistas que vos achegáchedes a Residencias Paraíso nesta segunda edición, o certo é que pasearse por tantísimos proxectos interesantes é unha verdadeira sorte para nós.

 

A convocatoria para este segundo ano de programa pechaba o 12 de febreiro cun incremento do volume de proxectos recibidos dun 30% con respecto ao ano anterior. Unha cuestión que sen dúbida celebramos con entusiasmo e que inevitablemente fixo moito máis trepidante a tarea de selección. Unha tarea levada a cabo con enormes doses de rigor e afecto por unha comisión que este ano estivo formada por María Roja (artista independente), Raquel Hernández (Teatro Ensalle) e Javier Cuevas (Leal.Lav Tenerife) como persoas convidadas, e Rut Balbís e Alexis Fernández como artistas integrantes do Colectivo RPM.

 

Trala xornada de análise e posta en común das solicitudes da convocatoria de Residencias Paraíso 2018 decidiuse seleccionar de xeito preferente ao seguinte grupo de artistas:

 

  • Javier Martín co seu proxecto “método negro”, en residencia no Teatro Colón de A Coruña e cunha cuantía de 1.850 euros.

  • Cris Balboa co seu proxecto “Lo que sigue”, en residencia na Sala Agustín Magán do CSC de Santa Marta de Santiago de Compostela e cunha cuantía de 1.850 euros.

  • Ánxela Blanco co seu proxecto “Voo”, en residencia na Fundación Luis Seoane de A Coruña e cunha cuantía de 1.850 euros.

  • Marco Antonio Regueiro Fariña co seu proxecto “Sobre o concepto do tempo”, en residencia no Auditorio Municipal de Ourense e cunha cuantía de 2.875 euros.

  • Luz Prado co seu proxecto “LVZ”, en residencia no Teatro Rosalía de Castro de A Coruña e cunha cuantía de 3.000 euros.

  • Gena Baamonde co seu proxecto “Metodoloxías carroñeras para corpos invertidos”, en residencia no Vello Cárcere de Lugo e cunha cuantía de 1.850 euros.

  • Laura Iturralde e Montse Piñeiro co seu proxecto “Fío”, en residencia na Sala X na Facultade de Belas Artes de Pontevedra e cunha cuantía de 1.850 euros.

  • Federico Vladimir Strate Pezdirc e Pablo Esbert Lilienfeld co seu proxecto “Status” no Pazo da Cultura de Carballo e cunha cuantía de 2.875 euros.

 

Ademáis deste grupo de artistas que suman 8 residencias e unha dotación total de 18.000 euros, engadimos unha mención especial á compañía formada Laura Villaverde e Roi Fernández co seu proxecto “Illas Desertas”, quenes estarán en residencia durante unha semana no Pazo de Cultura de Narón e para o que destinamos unha bolsa de 500 euros.


En relación á convocatoria sinalamos que dentro do volume de proxectos recibidos (80 en total) o porcentaxe de proxectos galegos foi de 70% -fronte ao 30% de proxectos do territorio nacional- dos que destacamos e celebramos moito atoparnos con proxectos dunha altísima calidade dentro das artes vivas no seu sentido máis amplo. Que se viran interpeladas tantas artistas con bagaxes tanto de artes do movemento como de artes visuais ou musicais apunta alto no panorama da creación contemporánea do noso territorio.

 

No proceso de selección do grupo de artistas 2018 valorouse enormemente o equilibro de perfís tanto de artista como de proxecto. Dende a aposta por os valores que levan anos desenvolvendo unha labor artística destacable no noso campo ata o impulso a forzas máis emerxentes, así como a inclusión de proxectos transdisciplinares e de autor cunha altura artística fantástica, fixo que o grupo se erguese cunha interesante solidez froito das distintas e marabillosas identidades propias de cada artista.

 

Como en todas e cada unha das escolmas é inevitable que non se queden fóra moitísimos proxectos de enorme interese e pertinencia, proxectos singulares e tan oportunos que agardamos formen parte da realidade das artes vivas en Galicia, dunha forma ou outra.

 

Simplemente rematar dicindo que a comunidade artística galega é un valor en si mesmo e que o éxito dunha convocatoria como esta só confirma a necesidade de vehicular liñas que potencien, visibilicen e impulsen o que xa existe. Grazas a todas.

 

Residencias Paraíso 2018 despega!

ABRE CONVOCATORIA - RESIDENCIAS PARAÍSO 2018

A convocatoria de Residencias Paraíso 2018 abre os brazos para darvos a benvida.

 

Poder presentar por segundo ano consecutivo a convocatoria de Residencias Paraíso é un triunfo de todas para todas. É un triunfo porque insiste na importancia de alimentar o enorme potencial das artes vivas en Galicia dando soporte ás artistas con recursos destinados directamente ao campo da experimentación, da investigación, do pensamento, da creación en maiúsculas, do corpo. Un programa coma este segue sendo necesario no noso territorio. Merecémolo. Brindamos con vós porque un proxecto que existe grazas a todas e cada unha das persoas que lle damos vida.

 

O programa piloto do ano pasado debuxou moitos dos sendeiros a seguir e deu as pistas por onde continuar neste 2018. A ilusión de acompañar a un grupo de artistas residentes e de poder estar ao carón de tantos proxectos marabillosos foi a maior das recompensas para nós. Moito aprendimos desa primeira experiencia coloreada de entusiasmo, cariño, moito traballo e dalgunha que outra novatada! e moito agardamos seguir aprendendo neste ano.

Do mesmo xeito que en 2017 esta nova convocatoria ofrece unha serie de residencias artísticas para desenvolver proxectos de investigación ou creación en distintas cidades galegas. Ademáis dos espazos colaboradores do ano anterior (Teatro Rosalía de Castro, Pazo da Cultura de Narón, Auditorio Municipal de Ourense, Fundación Luis Seoane, Pazo da Cultura de Carballo e Vello Cárcere de Lugo) celebramos a incorporación do Teatro Colón, a Sala Agustín Magán do CSC de Santa Marta e a Sala X na Facultade de Belas Artes de Pontevedra. Os novos cómplices fan ascender o número total de espazos a nove e amplían, en termos de tipo de espazo, as posibles tipoloxías dos proxectos en residencia.

 

Paraíso 2018 abre convocatoria para acoller ata oito proxectos en residencia, cunha dotación de 18.000 euros en total, nos diferentes espazos colaboradores entre mediados de marzo e finais de novembro de 2018. O prazo de envío da información necesaria para participar nesta edición pechará o día 12 de febreiro e está aberta a artistas do territorio galego e do panorama nacional.

 

Compre sinalar o compromiso e diálogo co director da Axencia Galega das Industrias Culturais con este programa e a aposta da Deputación da Coruña, do Concello de Santiago e da Vicerreitoría do Campus de Pontevedra como coprodutores desta nova edición das Residencias Paraíso. Sen esquecernos do esforzo de todos e cada un dos espazos colaboradores e de toda a comunidade artística, sen os cales non tería sentido un programa como este.

 

Coa mellor das vontades encaramos esta nova edición. Residencias Paraíso agarda por vós.