ARTISTAS 2020 

As Residencias Paraíso cumpren a súa cuarta edición nun ano tremendamente especial pola situación de crise sanitaria que fai que a non tan excepcional fraxilidade na que estamos instaladas as traballadoras culturais, se faga máis patente que nunca. Neste contexto de vulnerabilidade é toda unha alegría sacar adiante este programa que entendemos como necesario e estimulante para a comunidade das artes vivas e da creación contemporánea no noso territorio.

Queremos darvos as grazas a todas as artistas que vos achegáchedes á convocatoria; o proceso de recibir os vosos proxectos, lervos e coñecervos un pouco máis é das cousas máis inspiradoras do programa que impulsamos dende Colectivo RPM. Significa coñecer por primeira vez a moitas artistas do territorio galego e nacional que non coñecíamos, ou recoñecer e vernos reflexadas en tantas compañeiras de aquí e alá. Aprendemos da vosa integridade e dos modos que cada unha de vós ten de abrir cada proceso. De verdade que supón unha aprendizaxe tremenda que non agardábamos cando puxemos o programa en marcha e que sempre trae máis luces que sombras.

Son 6 os procesos artísticos que acompañaremos en 2020 despois de valorar un total de 62 proxectos. A comisión deste ano estivo formada por Félix Fernández e Alexis Fernández –por Colectivo RPM– e Davide González, Marta Alonso e Natalia Balseiro, como profesionais convidadas. Agradecemos enormemente o modo de ofrecer o voso coñecemento e experiencia, sempre flexible e a favor dunha panorámica colectiva. Xuntas, levamos a termo a difícil tarea de pór sobre a mesa distintos criterios para chegar a un equilibrio no grupo de artistas Paraíso 2020. Non imaxinábamos fai uns meses que a comisión tería lugar na pantalla, mais por distinta non foi menos inspiradora. Sempre é complexo atopar o equilibro na selección, non só pola calidade das propostas recibidas, senón porque sabemos que poderíamos chegar a outra combinación de proxectos igualmente acertada.

 

Dentro do grupo de artistas Paraíso 2020, acompañaremos o proceso de investigación Shelter do colectivo Ex Architectures. Unha investigación de corte experimental entre o teatro físico, a arquitectura e a performance que pon en crise a idea de desarraigamento dende a perspectiva de catro artistas da xeración millenial europea. A súa residencia desenvolverase en Normal, o espazo de intervención cultural da Universidade da Coruña.
 

O Teatro Rosalía de Castro e o Pazo da Cultura de Carballo suman forzas como espazos anfitrións do proceso de creación Manodura da artista galega Cris Vilariño. Acompañada nesta ocasión da colaboración do dramaturgo andaluz Alberto Cortés o seu proceso de creación xira arredor da adolescencia e da familia, un tema ao que esta creadora leva poñendo atención de xeito reiterado na súa traxectoria.

 

Nunha aposta polo acompañamento en continuidade, estaremos ao carón do proceso de investigación Teorema, unha proposta a cabalo entre a danza e a creación sonora, da man do creador Javier Martín en residencia no Pazo da Cultura de Narón.

Apoiamos, en residencia no Salón Teatro de Santiago, O raro é que bailar sexa raro, o que será o sexto solo de Andrea Quintana. A creadora traza, a partir do propio, un discurso cuestionador sobre o xénero e a disidencia, coa danza como práctica de resistencia.

O Vello Cárcere de Lugo acollerá o proceso de investigación H/Ostia de Laura Villaverde, Raquel Espada e Megan Hanley. Xuntas abordan dende o performativo a emoción dos sucesos que se converten en puntos de inflexión nas nosas vidas, transformando a nosa realidade e sacándonos da nosa zona de confort.

Na nosa habitual aposta pola apertura á comunidade de artistas nacinais, este ano acompañaremos a Laila Tafur en Carne de canción, en residencia na Igrexa da Madalena grazas ao diálogo coa MIT de Ribadavia. A súa investigación, entre o corpo e a composición musical, atopa no achegamento á cultura pop o espazo dende o que afondar no pensamento crítico e feminista.

Seis proxectos enormemente pertinentes –pola súa capacidade de traducir dende o sensible o común– e tremendamente reveladores da inmensa potencia da comunidade artística vinculada ás artes vivas no noso territorio. Dende miradas ben distintas os seis artistas Paraíso 2020 proxectan un horizonte tan interesante como necesario cara o que mirar.
 

Os proxectos desenvolveranse en residencias de entre dúas e tres semanas ao longo do ano e recibirán un apoio de entre 1.500 e 3.000 euros ata o total de 15.000 euros cos que se activa a convocatoria 2020. Unha convocatoria impulsada dende Colectivo RPM que conta co apoio da Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Concello de Santiago, Concello da Coruña, MIT de Ribadavia, Concello de Lugo e a Vicerreitoría de Igualdade, Cultura e Deporte da UDC, así como coa colaboración fundamental dos distintos espazos cómplices.

 

Con máis ganas que nunca dámoslle a benvida á cuarta edición de Residencias Paraíso 2020. Grazas por nos acompañar.