Nós somos artistas.
Artistas con obra propia.
Artistas que temos como motor o corpo.
O corpo e o movemento.
O corpo, o movemento e o espazo.
O corpo, o movemento, o espazo e o sonido.

Somos artistas que vivimos no mesmo territorio.
Artistas preocupadas polo territorio no que vivimos.
Artistas con vontade de xerar un contexto máis fértil, plural e crítico no territorio no que vivimos.

Artistas preparadas e dispostas para.

 

 

 

Referirnos a nolas mesmas hoxe baixo un nome comunitario, Colectivo RPM, é unha sorte de ferramenta que tenta visibilizar dun modo máis unido as nosas vontades para con o territorio no que vivimos.

 

Dende a danza, as artes visuais e sonoras, e baixo o gran paraugas da creación contemporánea, cada unha de nós ven desenvolvendo a súa propia obra dende fai anos cunha notable proxección internacional dende o seu lugar de residencia, Galicia. Algo desa relación de entrada e saída do territorio no que vives moitas veces ofrece unha distancia moi interesante no que lonxe de comparar á baixa o teu territorio o que fai é que xa non poidas miralo se nón é como un marabilloso campo de posibles. Un lugar, o teu, máis que apropiado para que todo ocurra.

 

Moitas foron as conversas arredor do panorama aquí en Galicia para a creación contemporánea e para as artes do movemento nos últimos anos e moitas foron tamén as iniciativas que xurdiron do colectivismo estratéxico en diferentes momentos do noso pasado máis recente. Case todas nós participamos dese proceso de reflexión e formamos parte activa de varias desas iniciativas, experiencias que alimentaron aínda máis o desexo de activar e acompañar prácticas para o común de forma colectiva.

 

Colectivo RPM comezou co impulso de varias artistas que vivimos en Galicia. Artistas que saciamos as nosas vontades para o común estando xuntas e deseñando proxectos que nos ilusionan. Porque é no diálogo e na intelixencia colectiva onde a construción de posibles xurde cun volume marabilloso, deseñado coas aportacións de cada unha das nosas singularidades.

 

O común é o noso impulso.

 

socias fundadoras

socias fundadoras e en activo

Rut Balbís

Licenciada en Ciencias do Deporte e formada en danza contemporánea. Bailarina, creadora e profesora de danza, dirixe a súa propia compañía Pisando Ovos ca que ten unha notable recoñecemento polo seu traballo como creadora. Coordinadora da Aula de Danza da Universidade da Coruña, profesora e creadora convidada para outros proxectos de danza.

Félix Fernández

Licenciado en Bellas Artes e formado en danza e performance. Premiado en numerosas ocasións polo seu traballo multidisciplicar no territorio nacional e internacional, a súa obra aparece en numerosos formatos: video, instalación, performance, debuxo e fotografía. En paralelo a súa obra tamén conduce diferentes obradoiros de creación artística.

Alexis Fernández (Maca)

Bailarín e creador cunha grande traxectoria internacional, codirixe a compañía de danza LaMacana mantendo unha notable proxección internacional como creadores e profesores convidados, ademáis de colaborar como coreógrafo e intérprete en diferentes proxectos en Europa e América. Foi co-director do Festival Empape do 2008 ao 2011.

Caterina Varela

Formada en danza, artes gráficas e visuais.
Codirixe a compañía de danza LaMacana mantendo una notable proxección internacional como creadores e profesores convidados. Como traballadora cultural participa en distintos proxectos de mediación cultural como coordinadora e productora (Mov-s 2014, Proxecto de Programación Expandida TRCDanza).

Dende 2019 achegáronse ao colectivo distintas personas vinculadas profesionalmente coas artes vivas na figura de socia-amiga:

 

Ana Serantes, Manu Lago, Marta Alonso, Isabel Sánchez, Montse Piñeiro, Sabela Mendoza, Roberto Taboada, Jas Processor, María Roja, Cristina Vilariño, Janet Novás, Remedios Cuba, Macarena Montesinos, Javier Martín, Nuria Sotelo, Laura Iturralde, Gena Baamonde, Marco Antonio Regueiro, Laura Villanueva, Paula Quintas, Cristina Balboa...

Non podemos estar máis agradecidas a todas elas pola súa resposta a apertura dunha nova vía de participación nas dinámicas do noso colectivo: a figura da socia-amiga. Dalgún xeito, entendemos que pode ser unha vía de manter maior contacto coa comunidade vinculada ás artes vivas e a creación contemporánea e de compartir un pouco máis a nosas derivas particulares para que o programa de Residencias Paraíso, así como as distintas activades do colectivo, poidan abrirse máis á nosa comunidade.

Por outra banda, a nosa vontade de sumar apoios arredor do noso proxecto permite un diálogo máis reforzado nas posibles vías de acción e colaboracións que mantemos no territorio. Moitas veces, no diálogo con determinadas institucións, é de axuda contar cunha comunidade detrás que lexitime dalgún modo a nosa existencia, é por isto que cada un dos vosos apoios particulares resulta fundamental para nós.

Os principais obxectivos de Colectivo RPM resúmense en tres grandes liñas: fomentar a creación artística contemporánea no eido das artes vivas, favorecer a relación entre distintos axentes vinculados ás artes vivas en Galicia (artistas, institucións, comunidades) e normalizar e visibilizar as artes vivas e a creación contemporánea na nosa comunidade. 

Dende xullo de 2017 Colectivo RPM funciona baixo unha estrutura de asociación cultural (A.C. Colectivo RPM) na que as asociadas son persoas vinculadas profesionalmente coas artes vivas e a creación contemporánea, sendo socias fundadoras as artistas Rut Balbís, Alexis Fernández, Félix Fernández, Andrea Quintana e Caterina Varela, quenes forman parte da directiva da asociación e marcan a folla de ruta do colectivo. 

As condicións de participación da figura da socia-amiga se resumen do seguinte xeito:

> Recibiredes comunicacións periódicas a través de correo electrónico das novas do colectivo e seredes convocadas a distintas xuntanzas presenciais nas que abordar ou compartir cuestións da nosa actividade.

> Teredes un carácter preferente para participar nas distintas actividades da asociación. A vosa figura de socia-amiga non é incompatible ademais con que vos presentedes a tantas convocatorias poidan abrirse desde o colectivo.

> A vosa cota de socia-amiga é anual e ten un importe de 12 euros.

> O voso apoio ao proxecto terá carácter público a través da nosa web.


Se te apetece formar parte desta nova etapa de apertura de Colectivo RPM só queda un último paso a través dun formulario no que se vos pide os vosos datos de contacto para activar o voso número de socia-amiga: 

Moitas grazas e por un 2019 cheo de vitalidade!