Extender como si pudiera
Desfacer os límites, borrar as esquinas e vivir na incerteza do corpo ilimitado.
Este proxecto é a primeira proposta en solitario da bailarina e creadora Julia Laport. Tras 5 anos como codirectora da compañía Elahood, Julia comeza o seu primeiro proxecto individual co asesoramento do psicanalista e filósofo brasileiro Igor Teo. Esta investigación explora os límites e o illado no corpo. Busca poñer o corpo no bordo. Poñerse no bordo do corpo. Na capa máis externa anterior ao outro. Levar a alma á superficie da cara, dos dedos e da pel. Levar o corpo ao límite que o separa do que non é corpo, explorando así que hai máis alá do límite. Esa liña infinita que separa aquí de alá, o profundo do leve. Buscando que hai máis adentro, máis alá, por detrás, noutro plano, noutros ollos, no fondo da garganta.
A ilusión é o que está máis alá do límite.
Os límites presentanse como certezas que definen o espectro dun movemento. Moitas veces pensamos nos límites como restricións, pero que sería un movemento sen límites? Que sería un corpo sen pés para apoialo? Os pés son os límites do camiñar, non podo camiñar máis alá deles, pero tampouco podo camiñar sen eles. Os límites definen camiños, ofrecen sentido, proveen razón e concretan un mundo aparentemente caótico. Así son a base na que apoialo ao mesmo tempo que estruturan as nosas fronteiras. Este proxecto explora os límites da pel, busca borrar as esquinas e sentir a incerteza dun corpo ilimitado. Estender como se puidera sentir a carne reorganizarse ao redor dos ósos, fluír dentro da pel e proxectarse máis alá do propio corpo.
Máis alá. Despois do coñecido. Na incerteza habita a ilusión.
Estender como se puidera utiliza a precisión das técnicas do Vogue e o Popping e o contraste coa fluidez do Waacking e a danza contemporánea para explorar estes límites. Apoiándose na investigación psicoanalítica de Igor Teo, Julia busca explorar onde están os límites do corpo, se a ilusión consegue borralos e se se pode sentir o illado, o eterno, na pel. Explorar o non sabido, o non dito, o que non foi limitado, para explorar o desexo na súa razón pre-sensible. O movemento en puro devir.
Julia Laport
Julia Laport é unha intérprete e creadora galega con base en A Coruña. Comeza a súa formación en artes escénicas na súa cidade natal cando era unha nena e en 2011 emigra a Londres, onde se impregna da cultura urbana, nutríndose de disciplinas como o Popping, Hip Hop, Vogue, House ou Waacking durante cinco anos. Nos últimos sete anos especialízase no estilo de danza club Waacking, viaxando a cidades como Seúl, París, Milán, Oporto ou Madrid para formarse e participar en eventos desta disciplina.
En 2017, forma xunto con Sabela Domínguez a compañía Elahood, coa que produce, dirixe e interpreta espectáculos para teatros e espazos non convencionais, cos cales percorren diferentes cidades e festivais do país. No 2021 son galardoadas co primeiro premio e o premio da crítica no 35º Certame Coreográfico de Madrid e ao mellor espectáculo na Plataforma Diálogos Contemporáneos do Festival DZM coa súa obra Intempestiva.
Ademais, Julia tamén traballa como intérprete para outras compañías como Elefante Elegante ou Tirabeque Ka'avo e co-dirixe o colectivo D’Elas e o Colectivo Punto y Waack, cos cales foi finalista no Certame Coreográfico de Compostela nos anos 2021 e 2022.
Compaxina o seu traballo escénico coa súa labor como docente, impartindo cursos en diferentes cidades e organizando eventos dentro da comunidade das danzas urbanas e danzas club, destacando a produción e dirección do evento Waacking Wonderland nas edicións de 2019 e 2022 na cidade da Coruña.