2419CJX
María Roja + Begoña Cuquejo
(coas colaboracións de Juanma LoDo e Ángel Sousa)
2419CJX é o título dunha peza que tenta explorar as formas de vida actuais, ficando particularmente a ollada no obrigado nomadismo ao que estas parecen abocar aos corpos. Á vez, entretécese unha reflexión sobre a violencia estrutural e de xénero que subxace nos conceptos tradicionais do verbo casar e do sustantivo casa, confrontándose con ela a través do accionar disidente de dous corpos de sexo feminino en escena, ata derivar nunha tentativa por parte das actuantes de construír no espazo escénico unha sorte de casa eventual que cohabitar co público presente, de cimentar un reduto de intimidade e asilo compartido, de converter unha aloe vera prantada nunha maceta nun improvisado xardín á intemperie.
Begoña Cuquejo & María Roja
Begoña Cuquejo
Vive en Suíza ata os 10 anos, e logo ata os 34 en España. Agora reside en Xenebra, pero descríbese como nómade. Nestes momentos traballa no Servizo da Cultura de Meyrin. Dirixe o festival Corpo(a)Terra e traballa en proxectos artísticos diversos, ao redor da danza, performance, espazo público, outras economías e xénero. Destaca os proxectos Igapa e De corpo en lugar.
María Roja
Artista visual, performer e actriz. Mostrou o seu traballo en diferentes exposicións e festivais organizados en galerías, museos, teatros e espazos alternativos nacionais e internacionais. É co-fundadora do fato bicéfalo Ohn e dos colectivos áIntemperie e Blanco & Vermella, proxectos situados no campo da arte de acción. Forma parte do corpo colectivo transfronteirizo Límites. Rostro habitual das táboas e a ficción televisiva galegas, no campo da interpretación é salientable o seu labor en compañías de artes escénicas de linguaxe posdramática así como a súa participación en producións audiovisuais de corte experimental. No ano 2017 recibiu o Premio María Casares á Mellor Actriz Secundaria. É Licenciada en Belas Artes cun Máster en Artes Escénicas pola UVigo e Titulada Superior en Arte Dramática pola ESAD de Galicia.