O Deus do Pop
O deus do pop é a quinta peza en solitario de Diego Anido. O espectáculo é, máis que nunca, o resultado dunha metodoloxía de traballo moi persoal e pouco común. Nela convive a variedade escénica: texto, danza, baile, música en directo (con estraños obxectos…) cunha depurada dramaturxia que trata de dar vida a unha biografía nada de aparear a vida dunha pseudo estrela do pop coa propia biografía do autor.
O deus do pop é un singular individuo que transita pola escena cun delicado camiñar, unha voz suave e unha enerxía salvaxe para mostrar todo o que o seu talento permítelle ser.
-DEUS DO POP: Tres días despois o meu pai recolleunos na entrada do hospital, e unha vez en casa abríronnos a porta as miñas irmás CARLA e SUSANA que acababan de chegar de pasar as vacacións na praia, en casa dos tíos, no 6ºA. Non son xemelgas, pero todo o mundo confúndeas porque son idénticas, como dous vasos de plástico. Non se lembraban de que mamá estaba embarazada de min antes de irse de vacacións. Por iso Susana, ao verme, preocupada, exclamou: “Oh, santo ceo, que Deus nos axude! Outro máis!”. Pero estaba equivocada, eu non era outro máis. Eu era único.
O inevitable
Con este proxecto nace o Colectivo Marciano Balboa, integrado por dous creadores escénicos, Diego Anido e Borja Fernández, unha deseñadora de iluminación e audiovisual, Laura Iturralde, e un músico, Pablo Rega.
O Inevitable é o seu primeiro directo. Unha acumulación de escenas baseadas nos efectos secundarios da fe, nos remakes turcos de Rambo e nos momentos máis íntimos da vida dun lobo solitario chamado Antonio, un tipo que fai milagres.
“Rambo comía noces negras dunha nogueira e, mentres se deixaba traspasar polo aroma dos aligustres, miraba o contorno da montaña e pensaba en como salvar todos eses montes rectilíneos que parecían soldados. Diñeiro plantado en liña. Avergoñáballe formar parte dunha sociedade que se apropia das terras coma se os contratos fosen asinados directamente por Deus...”
Diego Anido
Comeza a súa formación en Compostela e trasládase a Barcelona en 2004. Alí comeza a colaborar con compañías e colectivos de gran pegada nacional; Agrupación Señor Serrano, Raravis, Andrés Corchero e Rosa Múñoz, no territorio galego forma parte de producións co CDG e Voadora, funda xunto a Borja Fernández, Laura Iturralde e Pablo Rega, o colectivo Marciano Balboa.
Os seus espectáculos El alemán, Paperboy, Cascuda [Cucaracha], Symon Pédícri e a peza en proceso El rey del pop, son os títulos dalgúns dos traballos unipersonais do intérprete. Todos estes traballos conforman un colectivo de personaxes ficcionais, que transitan entre a cordura e a locura, entre a escuridade que habita nas personas e as emocións humanas mais puras. Humor, misterio, e un traballo de movemento e interpretación moi pulido, que dan lugar a atmósferas hipnóticas.